COGAMI e as entidades membro contactan continuamente coas persoas usuarias dos centros de recursos
  • Novas
  • 30 de marzo de 2020

COGAMI e as entidades membro contactan continuamente coas persoas usuarias dos centros de recursos


COGAMI pechou ao público dende que o Goberno decretou o estado de Alarma. Esta situación non permite o contacto presencial pero si está a disposición das persoas con discapacidade tanto a través do teléfono 981 574 698 como a través do mail correo@cogami.gal.

Todos os centros de recursos que ten COGAMI en Mos, Lugo, Silleda e Pontevedra, así como tamén os centros que teñen as entidades membro de COGAMI ÍNTEGRO, VONTADE, ÁMBAR, AMARAI, ADISBISMUR, AGORA e AVANTE, manteñen o contacto vía telefónica, whatsapp ou videoconferencia con todas as persoas usuarias destes centros.

Malia que están nas casas, dende os centros continúan o contacto para saber cal é a situación das persoas usuarias así como das familias.

O equipo de profesionais do centro teletraballa dende os seus domicilios con todas e cada unha das persoas usuarias, establecen contacto telefónico con elas e tamén coas familias, para coñecer cal é o estado anímico e de saúde e poder detectar posibles necesidades que poidan ter non cubertas.

Todas as chamadas que se manteñen coinciden en que a situación está sendo tranquila e, nos casos nos que se detectou algunha situación de dificultade, ofreceuse apoio psicolóxico a través do teléfono ou tamén se contacto cos servizos sociais de base dos concellos para poder solucionar estas situacións.

Agora o persoal do centro está na fase de deseño e posta en marcha de plans de traballo para que poidan realizar dende as casas exercicios que os entreteñan, os manteñan ocupados e lles fagan máis levadeira a estadía na casa.