COGAMI e o seu movemento asociativo piden que se garante a accesibilidade nos edificios de vivendas
  • Novas
  • 28 de noviembre de 2018

COGAMI e o seu movemento asociativo piden que se garante a accesibilidade nos edificios de vivendas


COGAMI reivindica este mércores, 28 de novembro, a accesibilidade de todos os edificios de vivendas para que se poña fin á situación de discriminación que atravesan algunhas persoas con discapacidade que, sen ter cometido delito algún, non poden saír das súas casas por falta de accesibilidade. 

“A miña casa non é a miña cárcere” é o lema co que a Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) e as súas entidades, entre elas COGAMI, dan a coñecer a campaña #Arrestópolis, en referencia a aqueles edificios onde a falta de accesibilidade obriga a persoas con discapacidade a permanecer fechadas nas súas propias casas en contra a súa vontade.

Neste sentido, celebráronse concentracións en 37 cidades e vilas españolas, producíndose  en Galicia nos concellos de Ourense, Muros, Pontevedra, Boiro, Vigo, Santiago, A Coruña, As Pontes, Lugo, Monforte de Lemos e O Carballiño, para reclamar que se modifique a Lei de Propiedade Horizontal e eliminar así a actual limitación económica de 12 mensualidades de gastos da comunidade para que sexa obrigatorio realizar as reformas de accesibilidade da mesma forma que as comunidades veciñais afrontan outras reformas ineludibles derivadas das condicións estruturais, a estanqueidade, a habilitación e a seguridade.

“Neste acto pretendemos sensibilizar aos organismos públicos e á sociedade en xeral sobre a existencia de persoas con discapacidade que viven encerradas nas súas propias vivendas por falta de accesibilidade no seu edificio” abría a lectura do manifesto Ramón Sestayo, vicepresidente de COGAMI, tras agradecer a todas as persoas convocadas a súa asistencia tanto en Santiago como no resto das cidades.

Recordando que o pasado 4 de decembro finalizou o prazo legal para que todos os produtos, bens, entornas e servizos foran plenamente accesible, COGAMI pide que as diferentes administracións, no ámbito das súas competencias, dean unha resposta satisfactoria a esta problemática e axilicen todos os trámites legais e administrativos necesarios para que os edificios sexan accesibles e que a poboación en xeral respecte os dereitos das persoas con discapacidade física e orgánica e colabore no seu exercicio efectivo.

“Non podemos facer depender a accesibilidade universal dos recursos económicos que ten a cidadanía”, destacou o presidente da asociación Integro, Adolfo López, durante a lectura do manifesto  na concentración celebrado en Santiago, onde fixo fincapé en que “un edificio accesible é un edificio para todas as persoas e realizar as obras necesarias para garantir a accesibilidade é un investimento xusto, e necesario, posto que, ao fin e ao cabo, ninguén sabe se nalgún momento da súa vida vai necesitar estas adaptacións”.

Neste sentido, o movemento asociativo das persoas con discapacidade pediu aos poderes da Administración que traballen en pro das persoas con discapacidade e leven a cabo accións necesarias para que ningunha persoa se vexa na tesitura de que non poida entrar nin saír da súa casa, xa que, para vivir con autonomía e plena participación social é imprescindible a liberdade de movementos.

A presidenta da asociación Avante, Mercedes Pazos, lembrou que a “problemática non só afecta a persoas con discapacidade física, tamén ás que teñen patoloxías cardíacas ou outras tipoloxías médicas”.

Ademais, entre as propostas realizadas, figura que se prioricen as reformas integrais e a instalación de ascensores ou ramplas sempre que sexa posible, en vez de optar por aquelas actuacións que facilitan a mobilidade pero requiren máis mantemento ou a intervención de terceiras persoas como poden ser un elevador ou un salvaescaleiras.

Por último, o obxectivo final da campaña é a colaboración de todos os actores implicados para atopar en cada caso a mellor solución de accesibilidade, xa que “estas medidas son fundamentais para conseguir edificios para todas as persoas, garantir os dereitos das persoas con discapacidade e avanzar cara á autonomía persoal para acadar unha vida independente”, finalizaba a lectura do manifesto o presidente da asociación Amarai, José Luis Costoya.