COGAMI é unha das oito entidades sociais que participa nas VI Xornadas do Voluntariado da USC
  • Novas
  • 03 de abril de 2019

COGAMI é unha das oito entidades sociais que participa nas VI Xornadas do Voluntariado da USC

COGAMI foi unha das oito entidades sociais que participaron durante o 1 e 2 de abril na Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na sexta edición das Xornadas de Voluntariado, un foro promovido polo Servizo de Participación e Integración Universitaria(Sepiu) da USC coa pretensión de servir de acicate para impulsar a participación voluntaria entre o alumnado do campus de Lugo.

Nas xornadas, ademais de COGAMI, interviñeron como relatores representantes da Asociación Española contra o Cancro (AECC), a Asociación Bonhomía, Aspnais, Asociación Down Lugo, Asociación Raiolas Lugo, Fundación Juan Soñador e a Fundación Secretariado Gitano.

Moitos dos programas de voluntariado nos que colabora o Sepiu da USC contan con actividades vinculadas coa educación, a saúde, a inclusión social, o lecer e o tempo libre. Algunhas das accións promovidas no ámbito do voluntariado están dirixidas á infancia, a persoas maiores, e mesmo para sensibilizar sobre o abandono animal, entre outras.

As persoas interesadas en ampliar información respecto dos programas de voluntariado da USC pode remitir a súa correspondente solicitude  a través do enderezo de correo electrónico sepiu.lugo@usc.es ou tamén a través do número de teléfono 982 823 594.