COGAMI forma e sensibiliza en discapacidade a profesorado e a máis de 1.800 escolares nos centros de ensino
  • Novas
  • 04 de enero de 2019

COGAMI forma e sensibiliza en discapacidade a profesorado e a máis de 1.800 escolares nos centros de ensino

Durante o ano 2018, COGAMI)proporcionou formación sobre discapacidade e no ámbito das tecnoloxías a 112 docentes e tamén levou a cabo actividades de sensibilización nas que participaron ademais de 208 docentes, un total de 1.846 alumnas e alumnos.


Estas accións foron realizadas en 60 centros educativos de A Coruña, Lugo e Vigo a través dun proxecto denominado `Promoción da Educación Inclusiva e de Soporte á Atención ao Alumnado con Necesidades Específicas por Motivos da súa Discapacidade’ que financia COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) a través dos fondos que lle chegan do 0,7% do IRPF, coñecido como X Solidario.

Este proxecto estableceu unha rede de titoras ou titores tecnolóxicos de apoio ao profesorado para a atención do alumnado con necesidades específicas por motivo da discapacidade, con apoio das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC). O fin foi promover melloras na aprendizaxe e previr o fracaso e/ou abandono escolar nos ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios, grazas á introdución de metodoloxías e tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do alumnado.

Esta rede de titorías encargáronse tamén de motivar, sensibilizar, acompañar, informar e formar no manexo das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que tiñan nas súas aulas estudantes que requiren este tipo de soporte. Ademais, tamén se levou a cabo a impartición de formacións ao profesorado para mellorar o coñecemento sobre as tecnoloxías e dispositivos de apoio necesarios para casos concretos, así como as diferentes solucións de accesibilidade para dispositivos a través do software.

Este proxecto tamén xestionou  préstamos de produtos de apoio cos que conta o  Banco de Produtos de Apoio de COCEMFE, co fin de proporcionar as tecnoloxías de apoio necesarias, na medida do posible, para cada escolar en función das súas necesidades. Ademais, realizáronse sesións informativas e de sensibilización para o profesorado sobre discapacidade, accesibilidade e produtos de apoio.