COGAMI imparte curso de Operador de carretilla elevadora en Ferrol
  • Novas
  • 11 de marzo de 2020

COGAMI imparte curso de Operador de carretilla elevadora en Ferrol


As instalacións que ten COGAMI en Ferrol acollen un curso dirixido cara ao emprego de Operador de carretilla elevadora no que se están a formar 12 persoas.

Esta formación, que cofinancia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, consta de 40 horas lectivas que se imparten ata o día 13 de marzo, en horario de 9 a 14 horas, e ten tanto unha parte teórica como práctica no manexo da carretilla.

O curso inicia con 12 persoas, 1 muller e 11 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo, con idades comprendidas entre os 22 e os 56 anos, que proceden dos concellos de Ferrol (4), Narón (5), Fene (1), Pontedeume (1) e Ares (1).

A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos como a limpeza, comercio, pintura de vehículos ou coidado de persoas dependentes

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 2.050 persoas inscritas na comarca de Ferrolterra (946 mulleres e 1104 homes).