COGAMI inicia a tempada de verán coas travesías polas rías galegas do veleiro adaptado Laion
  • Novas
  • 20 de junio de 2018

COGAMI inicia a tempada de verán coas travesías polas rías galegas do veleiro adaptado Laion

O veleiro Laion da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia tempada de verán, ofrecendo a oportunidade de achegarse ao mundo da navegación a persoas con discapacidade. Inicia a tempada do proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada).

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI Adisbismur - Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros- posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico-deportivas. Dotado de adaptacións como son un guindastre, que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida, ou uns asentos ou backets, tamén adaptados,  o Laion permite o acceso á embarcación a calquera persoa.

Dende finais de xuño arranca a tempada do Laion que, xunto co mes de xullo, vai permitir que preto de 180 persoas, distribuídas en quendas de 8 persoas por travesía, teñan a oportunidade de participar de travesías de tres horas polas rías galegas e aprender nocións básicas sobre a navegación a vela, así como a realización de nós náuticos e o manexo do temón.

O Laion realiza a primeira travesía na ría de Ribadeo os días 21 e 22 de xuño con 4 grupos que sairán en quendas de mañá e de tarde pertencentes ás entidades Fraternidad e ASPACE Lugo. A seguinte singradura levaranos ata A Coruña onde realizaremos bautismos de mar dende o 29 de xuño ao 4 de xullo, e participaremos, como barco acompañante, na Regata S.A.R. Infanta Elena en A Coruña. A tempada continuará o 6 e 7 de xullo na ría de Camariñas para rematar na ría de Muros despois de estar navegando os días 9 e 10 de xullo.

Este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada) é posible coa financiación de Fundación Emalcsa e a colaboración do Club do Mar, ademais dos clubs náuticos que ceden os amarres, como é o caso do Real Club Náutico de Ribadeo, o Club Náutico Ría de Ares, o Real Club Náutico de A Coruña, ademais do Club Náutico de Camariñas e Marina Muros.

O GAVEA permite a participación en actividades náutico-deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, máis de 4.000 persoas participaron no mesmo. Esta actividade de lecer é unha das máis demandadas polas persoas usuarias dos centros e entidades de COGAMI, así como entre as entidades do movemento asociativo.

Características do veleiro Laion

O Laion, de 13 metros de eslora, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador electrónico que facilita o seu goberno.

Ao longo dos anos, o proxecto GAVEA participou e eventos náuticos tanto galegos como internacionais, como foron a Volta Náutica a Galicia, a Xira Náutica Costa da Morte, a Regata S.A.R. Infanta Elena, a Regata Inicial da Volvo Ocean Race, a viaxe ao Fórum Barcelona 2004, as singraduras pola Costa Cantábrica, a 32ª Edición de la America´s Cup de Vela- Valencia 2007 realizando actividades de vela adaptada durante o transcurso da mesma, a Regata Teresa Herrera, a Regata Tall Ship Race, ou a I Travesía Náutica Xacobea.

Este proxecto, aparte de achegar o mar e a navegación á discapacidade, tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social. Todas as visitas que o Laion efectúa nos diferentes portos nos que atraca serven para amosar a diversidade na que vivimos.