COGAMI inicia a terapia acuática no Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal que desenvolve no CEGADI
  • Novas
  • 04 de enero de 2021

COGAMI inicia a terapia acuática no Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal que desenvolve no CEGADI

Durante o mes de decembro, tras rematar as obras de mellora de accesibilidade levadas a cabo pola Xunta de Galicia na piscina situada nas instalacións do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI) en Santiago, iniciaron as sesións de terapia acuática, unha das actividades rehabilitadoras que ofrece o Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal que desenvolve COGAMI.

Co inicio desta actividade complétase a oferta de recursos de mellora que posibilitan  a inclusión das persoas con discapacidade física e/ou orgánica que precisen de apoios para unha recuperación funcional, así como para a promoción da súa autonomía persoal. Actualmente, das 26 persoas que forman parte deste proxecto, participan na terapia acuática 13 persoas, todas elas con algunha patoloxía neurolóxica, e  con idades comprendidas entre os 5 e os 59 anos. Ademais de proceder de Santiago, tamén veñen dende Ordes, A Estrada, Ames, Porto do Son, Lousame e Valga.

Profesionais de fisioterapia, terapia ocupacional e logopedia, formadas en terapia acuática, encárganse da realización destas terapias que están a ter moi boa acollida entre as persoas usuarias e as súas familias. Precisamente, para que a persoa usuaria poida continuar beneficiándose dos exercicios rehabilitadores na auga, os familiares están a recibir pautas  das profesionais, para cando finalicen o período máximo dun ano de permanencia no Proxecto Innovador.

A mellora da adaptación ao medio, o control do corpo, relaxación da musculatura, facilitar a mobilidade, o apoio na flotación, son algúns dos beneficios que permiten realizar movementos de maneira máis fluída e controlada na contorna acuática.

Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal

Iniciado no verán de 2019, o Proxecto Innovador de Promoción da Autonomía Persoal nace co fin de impulsar boas prácticas na atención das persoas con discapacidade física, tras unha colaboración entre  a Xunta de Galicia e COGAMI, tendo por obxectivo mellorar e posibilitar a inclusión das persoas con discapacidade física e/ou orgánica que precisen de apoios para unha recuperación funcional, así como para a promoción da súa autonomía persoal.

Cada unha das 41 persoas que xa pasaron por este proxecto dende a idade temperá ata a adulta, seguiron un itinerario personalizado de atención integral, no que interveñen 11 profesionais especialistas en diferentes disciplinas como son: fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía, logopedia, neuropsicoloxía, traballo social, investigación, accesibilidade e intermediación laboral.

Cunha duración de catro anos, dos que xa se investiron dous, estase investigando a través do deseño e posta en marcha de metodoloxías, técnicas, protocolos e terapias que teñen como elemento innovador a atención integral da persoa contando non só co modelo rehabilitador senón promovendo unha atención centrada na persoa, garantindo o acceso en igualdade o que se traduce nunha maior autonomía da persoa e o seu empoderamento.

Todos os datos recollidos durante a evolución do proxecto, servirán de referencia para a implementación ou a mellora da futura carteira de servizos comúns de prevención de situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal.