COGAMI inicia curso de auxiliar de servizos administrativos en Vigo
  • Novas
  • 21 de diciembre de 2018

COGAMI inicia curso de auxiliar de servizos administrativos en Vigo

Un total de catorce persoas (7 mulleres e 7 homes) con discapacidade, todas elas apuntadas na base de datos que ten o Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI, iniciaron un curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais en Vigo.

Cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Ministerio de Emprego e a Seguridade Social, esta formación está dirixida a persoas que actualmente están en situación de desemprego, co fin de que poidan aprender unha profesión e adquirir maiores competencias de cara á inserción laboral.

Para poder apuntarse a esta formación, todas as persoas seleccionadas tiñan que ter recoñecida a discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, ademais de estar en situación de desemprego e ser maiores de idade. As persoas que iniciaron o curso proceden dos concellos de Vigo, Mondariz e O Porriño.

Cun total de 448 horas de duración, co que rematará o 17 de abril de 2019, esta formación estase a impartir de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, nas instalacións que COGAMI ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo, Navia)

O alumnado, para poder obter o certificado oficial de profesionalidade, terá que superar os módulos que se van impartir sobre técnicas administrativas básicas de oficina, comunicación e arquivo. A maiores terán a oportunidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas da zona.

Estas formacións teñen por obxectivo conseguir un incremento das posibilidades de inserción laboral nas persoas traballadoras desocupadas e, no caso de COGAMI, nas persoas que teñen discapacidade. Coa impartición destes cursos, COGAMI pretende ofrecer máis posibilidades laborais a un grupo social, como é o da discapacidade, que conta cunha taxa de paro superior en nove puntos á das persoas que non teñen discapacidade.