COGAMI inicia curso de auxiliar de servizos en Vigo para persoas con discapacidade
  • Novas
  • 02 de abril de 2019

COGAMI inicia curso de auxiliar de servizos en Vigo para persoas con discapacidade


Ata o 7 de maio estenderase un curso de Auxiliar de Servizos que está a impartir COGAMI nas instalacións que ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº 15, baixo).

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social, consta de 120 horas lectivas repartidas en horario de luns a venres de 15 a 20 horas, e está dividida nos seguintes módulos: control de accesos, lexislación sobre control de accesos, primeiros auxilios e protección contra incendios, calidade e atención ao cliente, hixiene e seguridade no traballo, novas tecnoloxías e informática ademais do módulo de prácticas profesionais non laborais.

O curso inicia con 12 persoas, 10 homes e 2 mulleres, que proceden dos concellos de Vigo, Redondela e Baiona. O obxectivo xeral desta acción é formar ao alumnado como conserxe, porteiro e controlador de accesos de maneira que teñan unha especialidade profesional e  que se poidan inserir no mercado laboral canto antes.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitarán un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI.