COGAMI inicia curso de contabilidade laboral en Vigo
  • Novas
  • 06 de febrero de 2020

COGAMI inicia curso de contabilidade laboral en Vigo


COGAMI inicia un curso de Contabilidade laboral que se imparte nas instalacións que a organización ten en Vigo na Rúa Teixugueiras, nº 15 baixo.

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, consta de 200 horas de teoría que se imparten ata o día 31 de marzo, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Contabilidade Xeral 150 horas e Aplicacións Informáticas de Xestión Contable 50 horas, e 80 horas de prácticas non laborais que se imparten ata o día 24 de abril en empresas da zona que colaboran con COGAMI para a formación.

O curso inicia con 11 persoas, 10 mulleres e 1 home, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo, con idades comprendidas entre os 45 e os 60 anos, que proceden dos concellos Vigo e Redondela. O obxectivo xeral desta acción formativa é proporcionar ao alumnado os coñecementos en materia de contabilidade e as ferramentas ofimáticas relacionadas coa temática.

A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos como inmobiliario, hospitalario, administrativo e comercio.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 2.914 persoas inscritas na comarca de Vigo.