COGAMI inicia curso de informática básica en Vilalba para persoas con discapacidade
  • Novas
  • 06 de febrero de 2019

COGAMI inicia curso de informática básica en Vilalba para persoas con discapacidade


COGAMI inicia un curso de Informática básica que se imparte na aula de formación que teñen as instalacións da Autoescola Vilalba (Rúa Alcalde Fraga Bello, 26-28).

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo consta de 100 horas lectivas que se imparten ata o día 1 de marzo, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Internet, Microsoft Word, Microsoft Excel.

O curso inicia con 12 persoas, 5 mulleres e 7 homes, con idades comprendidas entre os 38 e os 58 anos, que proceden dos concellos de Vilalba e Guitiriz. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.

A maioría das persoas que forman parte do curso sempre traballaron nos sectores da construción, agricultura e limpeza. Tras a maioría delas ter unha incapacidade permanente total para profesión habitual, teñen que reciclarse e formarse para poder volver entrar no mercado laboral.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 234 persoas inscritas na comarca de Terra Cha.