COGAMI inicia curso de limpeza en Vilanova de Arousa no que se forman 15 persoas con discapacidade
  • Novas
  • 31 de julio de 2018

COGAMI inicia curso de limpeza en Vilanova de Arousa no que se forman 15 persoas con discapacidade


O concelleiro de Emprego de Vilanova de Arousa, Javier Tourís, e a coordinadora do Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI, Mª Carmen Insua, presentaron unha nova acción levada a cabo no concello de Vilanova para a inserción laboral das persoas con discapacidade da comarca.

COGAMI inicia un curso de limpeza en superficies e mobiliario en edificios e locais no que se están a formar un total de 15 persoas con discapacidade (6 mulleres e 9 homes) procedentes dos concellos de Vilanova de Arousa (4), Vilagarcía de Arousa (8), Illa de Arousa (1) e Meis (2).

Este curso é unha iniciativa que comprende o programa Máis Emprego que financia o Fondo Social Europeo e Fundación Bancaria “la Caixa” no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social (POISES) 2014-2020, un proxecto que ten por finalidade a mellora da inserción sociolaboral das persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral en situación ou risco de exclusión, mediante a activación para a busca de emprego e o trazado de itinerarios integrados e personalizados de cara á inserción.

O concelleiro expresou o seu apoio incondicional a este tipo de programas porque, segundo dixo “este tipo de iniciativas que teñan unha inserción dun 90% son fundamentais e prioritarias para a nosa comarca e, sobre todo, queremos ser máis sensibles con este tipo de actuacións”.

Segundo apuntaba Carmen Insua “este programa permítenos facer formación a través das necesidades das empresas”. A coordinadora do servizo de emprego de COGAMI tamén fixo fincapé no compromiso que ten a Organización co rural “traemos a formación ás zonas rurais para que a xente teña que evitar desprazarse ás cidades que é onde máis formación ou recursos pode haber”.

Esta formación desenvólvese tras detectar que a maioría das persoas que están dentro deste programa, cunha idade comprendida entre os 30 e os 40 anos, teñen a necesidade de reorientar a súa vida laboral para poder volver a formar parte do mercado. Dende os equipos de orientación de COGAMI e, seguindo as necesidades que chegan dende as empresas, optouse por iniciar este curso de Limpeza en superficies e mobiliario en oficinas e  locais por ser un posto de traballo con gran demanda na zona.

Cunha duración de 160 horas, co que rematará as clases teóricas o 21 de agosto e as prácticas non laborais o 12 de setembro, esta acción formativa desenvólvese de luns a venres en horario de 9 a 14 horas nas instalacións municipais do Centro de Desenvolvemento Local no Pazo de Vista Real, un espazo que lle cedeu o pasado mes de marzo o Concello a COGAMI, trala sinatura dun convenio co fin de que a Confederación poida dispor dun punto de información, asesoramento e espazo formativo para as persoas con discapacidade dentro do municipio.

COGAMI xa hai anos que colabora na inclusión das persoas con discapacidade de Vilanova de Arousa. O seu servizo de intermediación e orientación laboral conta con 71 persoas inscritas como demandantes de emprego e/ou formación, sendo destas 45 homes e 26 mulleres. Ademais, ofrece a oportunidade para formarse nos cursos que a Confederación imparte cada ano. Se nos cinguimos á comarca do Salnés, son 946 as persoas con discapacidade inscritas, das que 583 son homes e 363 mulleres.

Durante o primeiro semestre de 2018, foron 43 persoas con discapacidade da comarca as que atoparon emprego a través do Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI, 4 destas do concello de Vilanova, das que 2 traballan como condutoras de autobús, 1 no servizo de limpeza e 1 como dependente de comercio.