COGAMI inicia curso de ofimática básica en Moaña
  • Novas
  • 14 de marzo de 2019

COGAMI inicia curso de ofimática básica en Moaña


Ata o 10 de abril, a aula Cemit de Moaña, que está situada na casa da Mocidade, acolle un curso de formación de Ofimática Básica que está a impartir COGAMI.

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social, consta de 100 horas lectivas repartidas en horario de luns a venres de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Internet, Write e Cálculo.

O curso inicia con 12 persoas, 7 mulleres e 5 homes, con idades comprendidas entre os 33 e os 57 anos, que proceden dos concellos de Moaña, Cangas, Bueu e Marín. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.

A maioría das persoas que forman parte do curso sempre traballaron nos sectores da construción, marítimo, hostalería, comercio, transporte e limpeza. A través deste curso poden reciclarse e formarse para poder volver entrar no mercado laboral.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 361 persoas inscritas na comarca de O Morrazo, sendo 187 homes e 174 mulleres.