COGAMI inicia curso de persoal de limpeza en Santiago
  • Novas
  • 08 de abril de 2019

COGAMI inicia curso de persoal de limpeza en Santiago


As instalacións que COGAMI ten en Fontiñas acollen un curso de Persoal de Limpeza no que se están a formar un total de 12 persoas con discapacidade, das que 5 son mulleres e 7 son homes, procedentes dos concellos de Santiago (8), Ames (1) e Noia (3).

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo consta de 200 horas lectivas que se impartirán ata o día 7 de xuño, en horario de 9 a 14 horas, estando divididas nos seguintes módulos: limpeza de cristais, limpeza, tratamento e mantemento de mobiliario interior e solos, técnicas e procedementos de limpeza con utilización de maquinaria, ademais de realizar prácticas profesionais non laborais.

A través deste curso preténdese que o alumnado aprenda a realizar tarefas de limpeza e mantemento de superficies e mobiliario seleccionando as técnicas, útiles, produtos e máquinas para garantir a hixienización, conservación e mantemento, baixo a supervisión dun/ha profesional competente, cumprindo coa normativa aplicable en materia de seguridade e saúde.

O alumnado, que conta con idades comprendidas entre os 25 e os 59 anos, ten certificado de discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual, certificados necesarios para poder matricularse nesta formación.

COGAMI ten como obxectivo promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación. Neste senso, a Confederación proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI.