COGAMI inicia en Vigo un curso de persoal de limpeza de inmobles para persoas con discapacidade
  • Novas
  • 12 de abril de 2017

COGAMI inicia en Vigo un curso de persoal de limpeza de inmobles para persoas con discapacidade

COGAMI iniciou curso de formación no que 15 persoas, todas elas con discapacidade e/ou incapacidade laboral recoñecida para a profesión habitual, estanse formando como persoal de limpeza de inmobles durante dous meses.

Financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social (POISES), este curso pretende ser unha oportunidade laboral para o alumnado que asiste e que estaba apuntado como demandante de emprego na base de datos que manexa COGAMI, que na actualidade conta con máis de 27.000 persoas inscritas de toda Galicia. Destas persoas inscritas na nosa base de datos, o 56% ten entre 45 e 65 anos, por iso dende COGAMI considérase necesaria a reciclaxe profesional, para poder adaptarse ás novas exixencias do mercado laboral.

Durante as 220 horas de duración coas que conta esta formación, o alumnado vai adquirir coñecementos sobre utilización de maquinaria e produtos de limpeza, pero tamén se formarán en competencias transversais como son o liderado, a empatía, o autocoñecemento, etc.

Este curso iniciou porque dende o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral que ten COGAMI (SIL), detectou que existe unha demanda real de persoas para o sector da limpeza, uns perfís que requiren especialización no uso da maquinaria. Para poder dar resposta a estas necesidades do mercado, xurdiu a impartición deste curso.

Durante o ano pasado, COGAMI impartiu 26 cursos en toda a comunidade, nos que se formaron 364 persoas.