COGAMI inicia un curso de expendedor de combustible en Tui dirixido a persoas con discapacidade
  • Novas
  • 29 de octubre de 2019

COGAMI inicia un curso de expendedor de combustible en Tui dirixido a persoas con discapacidade

As instalacións do Centro Sociocomunitario de Tui acollen un curso de Expendedor de combustible que imparte COGAMI e no que participan 15 persoas, todas elas con discapacidade ou incapacidade laboral.

O obxectivo deste curso é capacitar ao alumnado para que preste todos os servizos de gasolina, automoción e tenda, aplicando as normas básicas e específicas de seguridade para estacións de servizos e respectando a normativa medioambiental e de seguridade vixente.

Esta formación, que rematará o 27 de novembro, conta cunha duración de 100 horas divididas en 60 teóricas e 40 prácticas en empresas do sector, e estase impartindo en horario de 9 a 14 horas de luns a venres. A temática que terán que asimilar comprende dende a instalación de estacións de servizo de gasolina, a atención ao cliente, o servizo de tenda, operación de caixa e prevención de riscos laborais.

O alumnado, que procede na súa maioría da comarca do Baixo Miño, ademais de Nigrán, Gondomar, Salvaterra e Baiona, participa neste curso porque quere reorientar a súa vida profesional e capacitarse para o que pode ser un novo posto de traballo, xa que agora mesmo, están en situación de desemprego.

Esta acción formativa forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Fundación Bancaria “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, programa que se desenvolve nas comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo, co fin de dotar de competencias necesarias ás persoas con discapacidade de cara á inserción laboral.

Máis Emprego proporciónalle ao alumnado destrezas profesionais que lle permiten un rendemento competitivo no mercado laboral ademais de desenvolver habilidades persoais para a súa participación social.