COGAMI inicia un curso de expendedor de combustible en Vilanova dirixido a persoas con discapacidade
  • Novas
  • 27 de mayo de 2019

COGAMI inicia un curso de expendedor de combustible en Vilanova dirixido a persoas con discapacidade


As instalacións do pazo de Vista Real do concello de Vilanova de Arousa acollen un curso de Expendedor de combustible que imparte COGAMI e no que participan 15 persoas, todas elas con discapacidade ou incapacidade laboral.

O obxectivo deste curso é capacitar ao alumnado para que preste todos os servizos de gasolina, automoción e tenda, aplicando as normas básicas e específicas de seguridade para estacións de servizos e respectando a normativa medioambiental e de seguridade vixente.

Esta formación, que rematará o 14 de xuño, conta cunha duración de 100 horas divididas en 60 teóricas e 40 prácticas en empresas do sector, e estase impartindo en horario de 9 a 14 horas de luns a venres.

A temática que terán que asimilar comprende dende a instalación de estacións de servizo de gasolina, a atención ao cliente, o servizo de tenda, operación de caixa e prevención de riscos laborais.

O alumnado, que procede dos concellos de Cambados, Sanxenxo, Vilanova, A Illa de Arousa, Vilagarcía e Meis, está neste curso porque quere reorientar a súa vida profesional  e capacitarse para o que pode ser un novo posto de traballo. Agora mesmo, están en situación de desemprego, e comprenden unha media de idade de 30 anos, superando os 45 anos seis persoas.

Esta acción formativa forma parte do programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Fundación Bancaria “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, programa que se desenvolve nas comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo, co fin de dotar de competencias necesarias ás persoas con discapacidade de cara á inserción laboral.

Máis Emprego proporciónalle ao alumnado destrezas profesionais que lle permiten un rendemento competitivo no mercado laboral ademais de desenvolver habilidades persoais para a súa participación social.

Dende que iniciou este programa en 2017, lévanse impartido 15 cursos nos que se formaron un total de 153 persoas con discapacidade (74 mulleres e 79 homes). De todas estas persoas formadas, 100 delas conseguiron inserirse laboralmente tras pasar por Máis Emprego, das que 52 son mulleres e 48 son homes, co que conta, ata o de agora, cunha porcentaxe de inserción do 72%.