COGAMI participa en Común Arte: danza, teatro, artes plásticas e audiovisuais
  • Novas
  • 05 de junio de 2018

COGAMI participa en Común Arte: danza, teatro, artes plásticas e audiovisuais

Común Arte é como se chama o proxecto no que COGAMI forma parte, un programa que busca a inclusión a través das artes plásticas e escénicas. Financiado polo concello de Santiago, en colaboración co Auditorio de Galicia, e dirixido por Experimenta Cultura, Común Arte pretende ser unha proposta de formación, investigación e creación a través da danza, o teatro e as artes plásticas e audiovisuais.

Das 25 persoas que participan no proxecto, 16 son usuarias de COGAMI e das entidades membro Adisbismur e Amico. Todos os mércores, de 17 a 20 horas, ensaian para darlle forma a un proxecto final que se vai representar en Santiago o 8 de xuño. Unha destas persoas participantes no proxecto é Irene Lestón de Adisbismur. Irene baila, encántalle bailar todo tipo de música “porque é moi divertido” di, e está encantada coa coreografía que ten que ensaiar porque “non é difícil”.

Outra bailarina é Clara López. Afirma estar encantada con estas clases que cre que deberían durar máis e afirma tamén “estar moi a gusto con todos os compañeiros e compañeiras” cos que lle tocou compartir esta experiencia.

Elvis García, aínda que tamén practica o baile, prefire decantarse polo teatro. É o del. O seu paso por Común Arte para Elvis supón unha experiencia, segundo di, “o que importa é a creatividade sen buscar límites”.

O canto é outra das disciplinas artísticas que se ensaian, e é aquí onde máis goza Manu Steven, porque o del é cantar. “O meu soño é cantar”, afirma Manu, ao que lle gusta o rap, o pop e o reguetón. Para esta experiencia proporciónalle a oportunidade de compoñer, escribir, cantar e bailar.

Común Arte é un proxecto inclusivo onde se reflexiona o papel que ten o ser humano na natureza, potenciando as capacidades das persoas a través das disciplinas artísticas como a danza, a música e o teatro.