COGAMI pídelle aos partidos que aposten pola asistencia persoal
  • Novas
  • 08 de octubre de 2019

COGAMI pídelle aos partidos que aposten pola asistencia persoal

Ante a situación de bloqueo político e a nova convocatoria de eleccións xerais, COGAMI e COCEMFE nacional reclaman aos partidos políticos e administracións que aposten decididamente por garantir o dereito da autonomía persoal das persoas con discapacidade a través de medidas como o desenvolvemento da figura da asistencia persoal.

Segundo apunta o presidente de COGAMI e COCEMFE nacional, Anxo Queiruga, “a asistencia persoal é unha prestación que recolle a nosa lexislación dende hai case 13 anos pero non está desenvolvida e é practicamente inexistente no noso país”. As últimas estatísticas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD), só o 0,55% de todas as prestacións recoñecidas son asistencia persoal e aínda hai seis comunidades autónomas onde ningunha persoa conta con este dereito: Aragón, Baleares, Canarias, Estremadura, A Rioxa e Ceuta e Melilla. Pola contra, Galicia, con 114 asistentes persoais, é a terceira comunidade, despois de País Vasco e Castela León, que conta con máis prestacións deste servizo. “Pretendemos que, independentemente de onde residan as persoas, poidan elixir entre diferentes opcións. Temos que exercer o noso dereito a tomar as nosas propias decisións e xestionar a nosa propia vida”, engade Queiruga.

Tendo en conta que unha de cada catro persoas en España carece de autonomía na súa vida diaria, COGAMI e COCEMFE nacional queren facer un chamamento para que representantes políticos e administracións fagan chegar esta figura a todas as persoas con discapacidade que o necesiten para avanzar no exercicio dos seus dereitos e conseguir a súa inclusión e participación activa na sociedade.

A asistencia persoal é un apoio para que a persoa con discapacidade realice tarefas da vida diaria, sendo este un recurso esencial para fomentar a autonomía das persoas con discapacidade e a súa participación comunitaria que se basea nun modelo que outorga preferencia a eleccións vitais”, apunta Anxo Queiruga.

A falta de accesibilidade, de acceso a recursos económicos que posibiliten independencia económica, de apoios para vivir autonomamente, así como a falta de desenvolvemento da figura da asistencia persoal e doutros recursos e prestacións que fomentan a vida independente, son os principais factores que impiden desenvolver a autonomía persoal.

Nestes vídeos de #AsistenciaPersonalYA, pode ampliarse información sobre a importancia da asistencia persoal para as persoas con discapacidade.

¿Qué es? / Laura Romero / Manuel Alonso / Margarita Dacan