COGAMI pon en valor o traballo das entidades na atención  ás persoas máis vulnerables
  • Novas
  • 02 de octubre de 2020

COGAMI pon en valor o traballo das entidades na atención ás persoas máis vulnerables

Hai trinta anos, un grupo de 27 entidades de persoas con discapacidade das provincias de A Coruña, Pontevedra e Ourense, decidiron organizarse, unir forzas e servir de altofalante ante a Administración para pedir dereitos que eran inexistentes. Así naceu a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), derivada da necesidade que había daquela para organizar as diferentes entidades representativas da discapacidade que xa existían pero, ao seren de ámbito local, familiar e con poucas persoas asociadas, demandaban unha proxección que lles proporcionara maior visibilidade ante a Administración e ante a sociedade.

Actualmente COGAMI conta con 55 entidades membro, sendo a última incorporación a Asociación Párkinson Galicia- Coruña, tras aprobarse a súa entrada en setembro na Federación COGAMI-Coruña. Con esta nova entrada, a Confederación rexistra máis de 11.700 persoas asociadas ao seu movemento asociativo, converténdoa nunha das entidades con maior representación en Galicia.

O importante labor que prestan as asociacións ás persoas que representan quedou manifesto durante o período de confinamento por mor do COVID-19 e tamén durante a desescalada. Nesta tempada, as entidades non deixaron de atender ás persoas, interesándose pola súa situación con chamadas telefónicas ou telemáticas, facendo acompañamento ás persoas que estaban soas, realizando atencións domiciliarias, entregando tratamentos médicos a aquelas que non podían ir por si soas buscalos ou contactando cos servizos sociais comunitarios.

“O movemento asociativo xogou e xoga un papel primordial”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen engade “en momentos como foron os vividos durante o confinamento, con toda a alarma social e sanitaria que supuxo, as entidades nunca deixaron de lado ás persoas e familias, estiveron en todo momento traballando para que as nosas persoas usuarias estiveran informadas e atendidas en todo momento”.

O papel das entidades evolucionou, pasando de ser soamente reivindicativas a converterse en provedoras de servizos especializados nas persoas con discapacidade, co fin de dotalas de autonomía e facelas partícipes na sociedade. Ponse en valor, polo tanto, o movemento asociativo como xerador de servizos de proximidade e a domicilio para aquelas persoas máis vulnerables, sen esquecer a atención no medio rural.

Formación para o emprego, orientación laboral, información, asesoramento, xestión de recursos, sensibilización, deseño de espazos accesibles, actividades lúdicas e deportivas adaptadas, centros de día e ocupacionais, vivendas tuteladas, iniciativas empresariais de economía social..., son algúns dos servizos que presta COGAMI co fin de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade.

“En períodos de dificultades, como o que vivimos agora mesmo, se estamos unidos, remando xuntos na mesma dirección, seremos máis fortes para reivindicar dereitos, recursos e facer unha sociedade máis plural”, explica Anxo Queiruga.

Campaña 12 Chaves da Inclusión: o movemento asociativo

COGAMI continúa coa campaña 12 Chaves da Inclusión na que fala de dereitos e que neste mes de outubro dedica a resaltar a importancia do movemento asociativo como agrupacións de persoas que comparten un fin común e que, trala reivindicación ou coa prestación de servizos, impulsan o cambio social cara unha sociedade inclusiva.

Co fin de conmemorar os trinta anos de traxectoria, a través das 12 Chaves da Inclusión COGAMI quere sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas coa difusión de 12 pezas audiovisuais que se difunden en redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Cada peza refírese a un dereito: a primeira foi educación inclusiva; febreiro centrouse na autonomía persoal; marzo nos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade; abril saúde; maio emprego; xuño á economía social; xullo áaccesibilidade; agosto ao voluntariado e setembro turismo, lecer e deporte. Tras dedicar este mes de outubro ao movemento asociativo, o seguinte, novembro, falará da infancia e xuventude e decembro estará dedicado aos dereitos.