COGAMI recibe o apoio da Fundación Banco Santander para afrontar os efectos do COVID-19
  • Novas
  • 15 de julio de 2020

COGAMI recibe o apoio da Fundación Banco Santander para afrontar os efectos do COVID-19

A sede da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) recibiu hoxe a visita de Luís Pernas Hermida, Director de Institucións do Banco Santander en Galicia, e María Castañeda Vargas, Directora da Oficina de Concheiros en Santiago de Compostela, para facer entrega ao Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, da colaboración coa que a Fundación Banco Santander apoiará a adquisición de máscaras protectoras, necesarias como consecuencia do COVID-19, para poder prestar o servizo de intermediación laboral que ten operativo nas principais cidades galegas e que tamén se despraza ao ámbito rural.

 

Este financiamento, enmarcado na 18ª Convocatoria de Santander Ayuda que ten por finalidade apoiar proxectos que contribúen á mellora da calidade de vida de colectivos vulnerables, destinarase á compra de máis de 6.300 máscaras cirúrxicas protectoras que permitirán que as e os 40 profesionais do servizo de emprego poidan desenvolver o seu traballo de maneira segura.

 

 

O SIL de COGAMI: orientación cara ao emprego

 

O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI está a disposición das persoas con discapacidade que buscan traballo e tamén das empresas que requiran do seu servizo, como xa leva facendo dende que iniciou en 1996.

 

Este servizo, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e que ten autorización como Axencia de Colocación, se ben está situado nas sete cidades galegas, o equipo de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego desprázase tamén ás zonas rurais para atender as súas demandas.

 

O SIL conta cunha base de datos que actualmente contempla 18.000 persoas inscritas como demandantes deste servizo; e cun equipo formado por 40 profesionais de orientación laboral e axentes de emprego que se encargan de orientar e intermediar entre persoas con discapacidade que queren atopar emprego e empresas que buscan profesionais para cubrir postos de traballo. Así, no ano 2019, 2.184 persoas con discapacidade se insertaron laboralmente a través deste servizo.