COGAMI reclama o acceso á saúde e non discriminación mediante a campaña 12 Chaves da Inclusión
  • Novas
  • 06 de abril de 2020

COGAMI reclama o acceso á saúde e non discriminación mediante a campaña 12 Chaves da Inclusión

COGAMI continúa falando de dereitos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión que se estenderá ao longo do ano. Este mes de abril está dedicado á Saúde, unha condición moi alterada actualmente por mor do COVID-19 e que viven con maior risco as persoas que teñen unha discapacidade orgánica e/ou enfermidade crónica.

Galicia é a comunidade española que contempla, cun 79%, a taxa máis elevada de persoas maiores de 15 anos que aseguran ter unha enfermidade crónica, unha porcentaxe que supera en 15 puntos a media estatal (datos extraídos da Enquisa Nacional de Saúde en España).

Moitas destas persoas con enfermidade crónica teñen recoñecida unha discapacidade orgánica e forman parte dalgunha das 23 entidades membro de COGAMI que representan á discapacidade orgánica, persoas con patoloxías como: lupus, esclerose, fibromialxia e síndrome de fatiga crónica, hemofilia e outras coagulopatías, fibrose quística, enfermidades do ril, crohn e colite ulcerosa, linfedema, espondilite, enfermidades reumatolóxicas, persoas con amputacións e persoas con lesión medular.

Laura Quintas, a coordinadora da Comisión Sociosanitaria de COGAMI demanda un cambio no sistema sanitario actual porque “está centrado nos doentes agudos e non nos doentes con enfermidades crónicas”. Esta atención faise máis necesaria durante a pandemia do Coronavirus, resultando máis complexa para as persoas que teñen patoloxías, polo que dende COGAMI lanzamos estas peticións:

- Acceso a servizos: as persoas con discapacidade física e orgánica necesitan acceder, en igualdade de dereitos, a todos os servizos, incluída a UCI. Polo tanto, exiximos que non se exclúa a ningunha persoa con discapacidade deste dereito universal. Cando os recursos médicos sexan limitados, que se garanta a non discriminación no acceso á saúde. Ter discapacidade non implica ter menor calidade de vida por tratarse dunha situación social e non dunha condición médica.

- Acceso a tratamentos: durante o confinamento, necesitamos que os tratamentos das persoas con enfermidade crónica e mobilidade reducida sexan entregados nos domicilios ou depositados nas farmacias máis próximas aos seus domicilios, para evitaren desprazamentos innecesarios cos consecuentes riscos que estes implican. É fundamental que se asegure a subministración de todos os medicamentos ou produtos sanitarios que son imprescindibles para a súa saúde e calidade de vida.

- Seguridade para profesionais: O persoal que traballa a diario nas residencias nas que viven persoas en situación de dependencia, nas vivendas tuteladas ou que traballan como asistentes persoais ou axuda no fogar deben contar cos EPIS adecuados para poder garantir a eficacia do seu traballo e estaren libres de contaxios.

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “as persoas con discapacidade temos que ter a garantía de que a nosa supervivencia é unha prioridade” e pon o foco en que “o sistema sanitario debe establecer protocolos que garantan a non discriminación das persoas no acceso á saúde pola súa discapacidade”.

Comisión Sociosanitaria de COGAMI

COGAMI crea en  2011 unha Comisión Sociosanitaria, órgano que pretende ser a voz da enfermidade crónica, dado o volume de entidades e persoas con discapacidade orgánica que representa e ante a necesidade de actuar como interlocutora entre a Administración e os pacientes crónicos. Contempla como funcións a correcta intervención sociosanitaria, a participación na rede galega sanitaria tanto a nivel galego como local, a revisión da lexislación vixente e o seguimento ás valoracións dos EVOS, o asesoramento en temas transversais como a accesibilidade nos centros sanitarios, as reclamacións de doentes e tamén a revisión da lexislación vixente.

Campaña 12 Chaves da Inclusión

Co fin de conmemorar os trinta anos de traxectoria, COGAMI lanza a campaña 12 Chaves da Inclusión para concienciar e sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas.

A campaña consiste na difusión de 12 pezas audiovisuais que mensualmente moveranse polas redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Cada unha destas pezas refírese a un dereito: a primeira delas foi a educación inclusiva, a de febreiro centrouse na autonomía persoal mentres que a do mes de marzo estivo centrada nas reivindicacións dos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade. Abril está dedicado á saúde e os restantes serán: maio ao emprego; xuño a economía social; xullo á accesibilidade; agosto a voluntariado; setembro a turismo, lecer e deporte; outubro a movemento asociativo; novembro a infancia e xuventude e decembro a dereitos.