COGAMI remata o programa POISES de emprego e formación con 26 persoas traballando
  • Novas
  • 15 de junio de 2018

COGAMI remata o programa POISES de emprego e formación con 26 persoas traballando

Foron seis meses de preparación, de formación, de intercambio de opinións, de compartir con compañeiras e compañeiros experiencias e, sobre todo, de asimilación de contidos e de ferramentas para poder lograr unha meta: o mundo laboral.

Remata o programa de emprego e formación de promoción da inclusión social, a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación denominado POISES. Este programa, financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo, estívose impartindo en Ferrol e Ourense, onde participaron 46 persoas usuarias de COGAMI, a maioría delas mulleres con discapacidade, mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas con discapacidade que viven en zonas rurais, tres perfís que teñen máis complexa a inserción laboral.

Dúas orientadoras laborais foron as que titorizaron este proxecto, ofrecendo sesións de orientación laboral, aprendendo a identificar as capacidades propias que cada persoa temos, ensinando a marcar unhas metas laborais e a preparar o seu curriculum para mellorar a empregabilidade.

Para a orientadora laboral de Ourense, Goretti Rodríguez, este proxecto POISES “serviulles  para reciclarse no ámbito laboral, non só a nivel máis técnico, senón tamén a nivel persoal, xa que recuperaron esa enerxía e gañas para realizar unha busca activa de emprego” . Goretti fai referencia tamén a que no grupo había persoas que dedicaron tempo ao coidado da familia e tamén que estaban en situación de paro laboral de longa duración, co que este proxecto lles serviu para volver retomar contacto co mundo laboral.

Unha destas persoas é Begoña que, despois de dedicarse a coidar dos dous fillos que ten, decidiu volver a traballar aínda que recoñece que “teño un pouco complicado compatibilizar un traballo e o coidado dos fillos porque aínda son pequenos”. De todos modos, Begoña participou no proxecto e viuno como “algo moi positivo”, segundo apuntou.

A orientadora laboral de Ferrol, Yolanda Grandal, recorda que o paso polo programa POISES foi positivo porque, segundo di, “asistiron a distintas formacións que impartimos sobre elaboración de curriculums nas titorías individuais, preparamos entrevistas de traballo e novas tecnoloxías como páxinas web e portais de emprego, anotáronse en listas de contratación temporal, e tamén participaron en accións grupais que os prepararon para realizar unha busca activa de emprego de forma autónoma”.

Dende que iniciou en xaneiro, as persoas usuarias estiveron formándose, presentáronse a entrevistas de traballo e aprenderon a manexarse polos portais de emprego que existen actualmente. Todas estas accións desembocaron na contratación de 26 persoas, algo máis do 50% de participantes.