COGAMI reúnese coa Consellería de Política Social para tratar liñas de colaboración actuais e futuras entre os dous organismos
  • Novas
  • 07 de enero de 2019

COGAMI reúnese coa Consellería de Política Social para tratar liñas de colaboración actuais e futuras entre os dous organismos


A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, mantiveron a primeira xuntanza de 2019 no despacho da Conselleira en San Caetano, para repasar as liñas de colaboración abertas e estudar novas propostas de cara a 2019. Nesta reunión, Fabiola García garantiulle Anxo Queiruga que a Xunta seguirá traballando en conxunto e coordinada coas entidades sociais na mellora da calidade de vida e na plena integración das persoas con discapacidade.

A Consellería de Política Social mantén diferentes programas de actuación que desenvolve COGAMI en inclusión, formación para o emprego, financiamento de proxectos e prazas de atención á discapacidade. A Conselleira reiterou o compromiso do Goberno galego para avanzar cara a unha sociedade na que ter distintas capacidades non signifique ter menos oportunidades.

Nos últimos dez anos, a Xunta multiplicou por catro a colaboración económica con COGAMI, sendo esta de 4,2 millóns de euros, permitindo poñer en marcha novas intervencións ás que se sumará a entrada en funcionamento nas  vindeiras semanas da área de rehabilitación do Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade (Cegadi). No pasado mes de decembro, asinouse un convenio para dotar o Cegadi con servizos de unidades terapéuticas, de fisioterapia e rehabilitación, de terapia ocupacional, de psicomotricidade, de logopedia e de estimulación sensorial.