COGAMI rexeita a proliferación de gasolineiras sen atención de persoal
  • Novas
  • 27 de julio de 2018

COGAMI rexeita a proliferación de gasolineiras sen atención de persoal

O “Informe sobre o impacto do modelo de estacións de servizo de carburantes sen persoal ou desatendidas nos dereitos das persoas con discapacidade en España”, publicado esta semana polo Comité Español de Representantes de las Personas con Discapacidad (CERMI) denuncia a exclusión que estes servizos poden chegar a supoñer para as persoas con discapacidade.

Segundo recolle este informe, dende o movemento asociativo da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) expoñemos:

  1. A apertura de estacións de servizo desprovistas de persoal laboral vulnera os dereitos das persoas con discapacidade ao ir en contra da Convención Internacional dos Dereitos das Persoas con Discapacidade.
  2. As estacións de servizo desatendidas vulneran directamente a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, incumprindo os artigos 20, 21 e 26, que garanten a igualdade de todas as persoas e a non discriminación por razón de discapacidade, así como o dereito a que se adopten medidas que garantan a súa autonomía e participación na comunidade.
  3. Dende COGAMI propoñemos que as gasolineiras abertas ao público deban estar provistas de persoal presencial que debe atender, apoiar e auxiliar ás persoas con discapacidade que así o requiran na repostaxe de carburante, no caso de que non poidan efectualo por si soas.
  4. As gasolineiras sen servizo de atención ao público prexudican a accesibilidade universal e polo tanto, a atención adecuada de máis de un millón e medio de persoas con discapacidade que teñen vehículo en España.
  5. A apertura de estacións de servizo sen atención supón un caso grave de exclusión no acceso aos servizos esenciais por razón de discapacidade.
  6. Os modelos de negocio de gasolineiras automáticas supoñen a creación de desigualdade entre as persoas, ao non permitir o dereito á accesibilidade universal, e supoñen a vulneración dos dereitos fundamentais das persoas.

Dende COGAMI, como entidade membro da Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE), sumámonos xa no pasado ano a unha campaña de recollida de sinaturas a nivel nacional en contra da apertura de estacións de servizo sen atención, que conseguiu máis de 100.000 sinaturas, das que 5.000 aportounas o noso movemento asociativo.