COGAMI únese á campaña de defensa dos dereitos #InclusiónImparable en tempos de pandemia
  • Novas
  • 04 de mayo de 2020

COGAMI únese á campaña de defensa dos dereitos #InclusiónImparable en tempos de pandemia

#InclusiónImparable é unha campaña que ten por obxecto reivindicar o cumprimento da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas, tamén en situacións de pandemia como a actual, facendo fincapé na defensa do dereito da saúde. A pesar da crise do COVID-19, esta iniciativa pretende visibilizar o labor que desenvolve COCEMFE e o seu movemento asociativo, sendo COGAMI unha destas entidades membro.

A actual crise masiva de saúde pública está provocando unha crise social e económica de efectos devastadores que está castigando severamente ás persoas con discapacidade e familias. Por isto, dende COCEMFE faise fincapé na necesidade do cumprimento da Convención para garantir en situacións de emerxencia como a actual, o dereito á saúde e a seguridade e protección das persoas con discapacidade física e orgánica.

Concretamente, reclaman o acceso a todos os medicamentos ou produtos sanitarios que necesitan, así como aos Equipos de Protección Individual (EPIs) e test rápidos de COVID-19 nos centros sociosanitarios de atención a persoas con discapacidade física e orgánica ou en situación de dependencia, entre outras cuestións.

Baixo o hashtag #InclusiónImparable COCEMFE anima a participar na campaña e sumarse á reivindicación do máximo respecto a esta forma xurídica de cumprimento como o tratado internacional de dereitos humanos.