COGAMI, unha das nove entidades que asinaron convenio de colaboración coa Consellería de Política Social
  • Novas
  • 05 de abril de 2019

COGAMI, unha das nove entidades que asinaron convenio de colaboración coa Consellería de Política Social

COGAMI foi unha das nove entidades do Cermi Galicia que asinaron coa conselleira de Política Social, Fabiola García, os convenios de colaboración para mellorar o labor que realizan en atención á discapacidade. Mediante estes acordos, a Xunta de Galicia destinará 3,3 millóns de euros para programas de atención á discapacidade, dos que se beneficiarán máis de 70.800 persoas e familiares.

As entidades asinantes agradeceron que se adiantase a sinatura dos convenios mes e medio antes do habitual, xa que desta maneira poderán gozar con anterioridade da liquidez necesaria para continuar co seu labor de cara ás persoas.

0,7% da declaración da Renda

Durante a sinatura a Conselleira instou a que as persoas contribuíntes tamén poden aportar o seu gran de area marcando a casiña de Actividades de Interese Social na campaña da declaración da Renda que se presentou o mércores en Galicia, a X Solidaria. Este simple xesto axudará a que o 0,7% dos seus impostos se empreguen en programas sociais que procurarán mellorar a vida daqueles que máis o precisen.

Reparto do orzamento

Down Galicia obterá 470.000 euros; COGAMI percibirá 990.000 euros; Fademga-Plena Inclusión Galicia percibirá 245.000 euros; Feafes-Galicia terá unha axuda de 620.000 euros; Autismo Galicia percibirá 160.000 euros; Aspace-Galicia recibirá 90.000 euros; Faxpg ascenderá a 760.000 euros; e Fagal acadará os 90.000 euros; a Fegadace destinaranse 220.000 euros.