COGAMI valora positivamente o nomeamento da Secretaria de Estado de Servizos Sociais
  • Novas
  • 14 de junio de 2018

COGAMI valora positivamente o nomeamento da Secretaria de Estado de Servizos Sociais

COGAMI trasládalle os seus parabéns á recentemente nomeada Secretaria de Estado de Servizos Sociais do Goberno de España, Pilar Díaz López, por converterse na primeira muller con discapacidade en desempeñar este cargo.

Dende COGAMI vese positivamente este nomeamento porque recae nunha persoa na que, ademais de coñecer amplamente o sector das persoas con discapacidade, ten unha visión inclusiva e normalizada, con ampla experiencia en favor das mulleres e nenas con discapacidade. Pola súa parte, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, destaca que “a elección de Pilar Díaz como Secretaria de Estado, quen conta cunha ampla traxectoria política e asociativa, supón un avance para a visibilidade das persoas con discapacidade e a nosa participación social”.

Pilar Díaz López conta cunha ampla traxectoria no mundo asociativo da discapacidade. Diplomada en Traballo Social e con estudos de Posgrao en Comunicación e Liderado Político, o seu primeiro contacto co mundo asociativo foi a través da asociación Amputats Sant Jordi, entidade que presidiu durante 14 anos. A partir de aí formou parte das comisións de Xénero do CERMI e de COCEMFE, ademais de ocupar postos de responsabilidade en COCEMFE Catalunya, COCEMFE Barcelona ou COCARMI (Comité Catalá de Representantes de Personas con Discapacidad).