Coincidindo co Día Mundial do Cancro, ASOTRAME inaugura exposición Reflexos de Vida no Hospital Clínico Universitario de Santiago
  • Novas
  • 04 de febrero de 2019

Coincidindo co Día Mundial do Cancro, ASOTRAME inaugura exposición Reflexos de Vida no Hospital Clínico Universitario de Santiago

A Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame) inaugura no Hospital Clínico de Santiago unha exposición fotográfica que pretende difundir e sensibilizar sobre a doazón de medula ósea, coincidindo co Día Mundial do Cancro.

Esta mostra, que leva por nome Reflexos de Vida, recolle fotografías e texto das persoas que están vinculadas nun proceso de transplante, sendo estas unha hematóloga, unha enfermeira, unha doadora e unha receptora.

A mostra está exposta na entrada principal do hospital e na súa inauguración participaron a xerente da área compostelá, Eloína Núñez, xunto a José Luís Bello, xefe do Servizo  de  Hematoloxía  e  a  presidenta  de  ASOTRAME, Cristina Piñeiro.

Reflexos de Vida, en palabras da Presidenta de ASOTRAME “busca que brote unha conciencia sobre a importancia da  doazón de  medula ósea para o que  cremos  que é necesario coñecer ás persoas que están vinculadas a este proceso” .

No transcurso do acto falou Cristina Pet, receptora de medula hai 13 anos, que incidiu na importancia da doazón “para seguir adiante co teu proxecto de vida”. Arestora hai en España preto de 400.000 doantes de medula (o 70% son mulleres).

Neste acto aproveitouse para facer entrega dunha doazón por parte de ASOTRAME á Fundación IDIS, xa que outro  dos  seus  obxectivos  é  colaborar  en  Proxectos  de  Investigación  contra  o  cancro. "Tomando conciencia de que o cancro é unha enfermidade de todos, algún día chegaremos a dicir que é curable en todos os casos", subliñou Cristina Piñeiro.

O servizo de hematoloxía do Hospital Clínico de Santiago presta asistencia a uns 2.500 pacientes cada mes, dos que uns 700 son atendidos nas consultas do Hospital de Día, e realiza 55 transplantes de medula ao ano.