Combina Social  remata Di Coruña Accesible para facer accesible a Deputación da Coruña
  • Novas
  • 08 de abril de 2019

Combina Social remata Di Coruña Accesible para facer accesible a Deputación da Coruña

Tras catorce meses de traballo, a área de Servizos Sociais e Igualdade da Deputación de A Coruña presentou as conclusións do programa "Di Coruña Accesible", un conxunto de medidas a adoptar de cara á eliminación de barreiras na institución. Este proxecto foi desenvolvido por Combina Social, empresa prestadora de servizos que está especializada no deseño de espazos humanizados.

Durante o acto de presentación das conclusións estiveron presentes a deputada da área de Servizos Sociais e Igualdade, Ánxela Franco, ademais da técnica de Servizos Sociais, Paula Filgueira, o coordinador da área de Accesibilidade de COGAMI, Álvaro García, e a técnica de accesibilidade de Combina Social, Belén Vaz.

O programa de fomento da accesibilidade deseñouse de maneira global, implicando todas as áreas e actuacións da Deputación da Coruña e referiuse tamén a todos os tipos de accesibilidade, física, psíquico-cognitiva e sensorial para detectar as necesidades e tomar as medidas precisas. A iniciativa creou unha páxina web na que pon a disposición de institucións e entidades guías para acadar a accesibilidade universal e a normativa que rexe o tema.

Entre as pautas de intervención e as propostas que se apuntan no programa están a dotación dunha partida de investimentos para eliminación de barreiras , implementación nas licitacións de medidas de accesibilidade, creación de materiais, fomento de banco de axudas técnicas, programas de formación específica para persoal de concellos, fomentar a elaboración de regulacións en materia de accesibilidade, elaboración dun protocolo de trato ás persoas con discapacidade ou fomentar e financiar plans de mobilidade urbana municipais.

O proxecto desenvolveuse en distintas fases que incluíron un estudo de accesibilidade, informe DAFO e reunión cos servizos implicados como Arquitectura, Patrimonio e Contratación, Prevención de Riscos Laborais ou Servizos Sociais. Realizouse tamén un proceso participativo con actividades de sensibilización ademais da proposta de pautas de intervención nas diferentes áreas da institución.

Neste sentido, elaboráronse auditorías de dezaoito edificios da Deputación da Coruña, desde o propio Pazo Provincial até a Biblioteca pasando pola imprenta, o Pazo de Mariñán, os centros educativos ou mesmo as oficinas recadatorias até completar a totalidade de edificios institucionais.

A través das auditorías detectáronse as faltas de accesibilidade aínda existentes arredor das que se afondou nas sesións de participación e sensibilización e nas xornadas formativas encamiñadas a concienciar e contribuír á eliminación de barreiras.