Cristina e Hadriana, as caras e voces do servizo de atención sexolóxica
  • Novas
  • 27 de marzo de 2017

Cristina e Hadriana, as caras e voces do servizo de atención sexolóxica

PREGUNTA: O ano 2017 inicia cunha novidade para COGAMI: un novo servizo que se chama Dedaleira. Que é Dedaleira?

É un servizo de atención sexolóxica, concretamente o nome que o identifica é Servizo de atención e promoción da autonomía afectivo-sexual destinado a persoas con discapacidade e o seu entorno afectivo. Nace derivado do traballo que leva COGAMI realizando dende o ano 2006, que foi cando se inicio a colaboración cos centros Quérote. Pouco a pouco, grazas a diferentes proxectos, foise indagando máis a temática sexual non só nas persoas con discapacidade usuarias dos centros de recursos de COGAMI, tamén nas familias e profesionais destes centros. Ao ver o éxito que tiveron estes programas anteriores, COGAMI e a asociación Acadar decidiron crear un servizo específico, porque a demanda existe e hai que darlle resposta. Presentouse este proxecto á Fundación Obra Social “La Caixa” e aprobouse financiándoo ata o mes de setembro. Pero xa avisamos, o servizo veu para quedar.

Era necesario crear un servizo deste tipo?

Imos contestar cun dato moi significativo: durante os programas desenvolvidos anteriormente como foi o de Aprendendo a coñecernos, detectamos que un 80% das mulleres que participaron viviron algunha situación de violencia sexual na infancia ou tamén a día de hoxe. Este tipo de violencia adoita producirse no propio eido familiar. Tamén detectamos que existen casos de acoso sexual, que tanto se poden producir dende a perspectiva dunha persoa usuaria dun centro a outra usuaria, a unha profesional ou a una persoa voluntaria. Por iso é tan necesario manter un servizo como este, para previr este tipo de situacións e, de habelas, intervir.

Por que se chama Dedaleira?

A dedaleira, tamén chamada estalote, Digitalis Purpurea, é unha planta medicinal que antigamente se usaba para curar os problemas do corazón pero, en exceso, podía ocasionar envelenamento. Mediante este servizo, preténdese fomentar a autonomía afectivo-sexual das persoas e ademais, o nome está relacionado cos dedos, con autonomía. Bueno, foi un nome que nos parece moi simbólico para este servizo.

Este é un servizo novidoso aquí, verdade?


Non só é un servizo novidoso en Galicia, tamén no resto do Estado. Ata o de agora, os servizos existentes están enfocados ou ben a menores ou ben a persoas con discapacidade intelectual. Non existe, ata Dedaleira, ningún servizo deste tipo que abrangue todas as discapacidades. Fixemos unha fase previa de investigación tanto en entidades públicas como privadas para comprobar se existe algún servizo como o noso, e non. Abrimos o servizo a calquera persoa con calquera discapacidade e rango de idade, ademais de persoas do seu entorno, algo que ata o de agora non se producía. Temos que dicir que a nosa maneira de traballar é dende unha perspectiva feminista e insterseccional, traballamos todos os aspectos das persoas.

Cando inicia este servizo?


O servizo xa botou a andar no mes de xaneiro, de feito xa levamos preto de 12 consultas.

Como podemos contactar con vós?

Estamos á espera de que se poña en marcha unha páxina web www.dedaleira.gal a través da que nos poderán enviar consultas, dúbidas, historias persoais, vivencias e na que tamén colgaremos aquelas preguntas sobre situacións ou dúbidas que máis nos trasladan xunto coas respostas. Pero mentres non temos habilitada a web, poden contactar con nós a través do correo dedaleira@cogami.es ou tamén chamando ao teléfono 600 200 022. As consultas poden ser tamén presenciais, pódese concertar unha cita, en horario de 8:30 a 19:00 horas de luns a xoves, onde se pode achegar a persoa ata COGAMI en Santiago, na rúa Modesto Brocos, ou tamén pode haber casos nos que seremos nós as que nos desprazaremos.

Quen pode chamar?

Mulleres, homes con discapacidade ou tamén familiares e profesionais que traballen no ámbito da discapacidade. Estamos tamén establecendo alianzas con entidades profesionais e sociais, ás que asesoramos e coas que compartimos recursos. Incluso nos chaman dende entidades de fóra de Galicia.Tamén se pretende ir un pouco máis alá e ofrecer formación en colexios profesionais, na Administración e  noutras entidades sociais.

E que tipos de temáticas son as que se levan consultado ata o de agora?


Problemas de amor non correspondido, ou de como se pode namorar, como poder mellorar as disfuncións sexuais, que tipo de posturas son máis adecuadas segundo a tipoloxía da discapacidade da persoa, tamén tratamos dúbidas que teñen que ver coas persoas usuarias dos centros, como son a visualización de material pornográfico ou a masturbación, por exemplo, ou como actuar cando hai unha parella nun centro. Nós funcionamos como un colchón para profesionais que necesitan asesoramento para tratar estes temas de maneira natural, sen prexuízos.

Sobra dicir que mantedes o anonimato das consultas, verdade?

Por suposto, as consultas son anónimas, mantemos a privacidade das persoas.