A rutina do centro de recursos de Mos veuse alterada coa chegada dun grupo de persoas do concello que chegaron para compartir unha xornada deportiva integradora. A esta actividade, enmarcada dentro do programa municipal Mos no Verán, asistiron tamén a alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, e o concelleiro de Educación e Coordinación de Asociacións, Camilo Augusto, quen estiveron acompañados polo coordinador do centro de COGAMI, Celso Álvarez.
Durante a mañá compartiron unha xornada de ximnasia que, tralos resultados tan positivos alcanzados, decidiron volver repetir experiencia e incluso prolongala no tempo incluíndoa no Plan Municipal de Integración que se está a deseñar dende o departamento de Política Social do concello mosense.
Mos no Verán é un programa de actividades deportivas ao aire libre que desenvolve o concello durante os meses de xullo e agosto, onde se practica ximnasia nos parques biosaudables existentes no municipio, e clases de aquagym na piscina ao aire libre de Santo Eleuterio.