Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres
  • Novas
  • 22 de noviembre de 2019

Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

Hoxe alzamos a voz para lembrar con dor e rabia ás 94 mulleres que este ano foron asasinadas por mor da violencia machista, Rebeca, Leonor, María Soledad, Rosa, Kelly, Sheila, Daría, Estrela… e a Jacob, Cristian e Ismael, asasinados polos seus pais.

Non nos esquecemos tampouco das 43 persoas menores de 18 anos ás que lles arrebataron aos seus familiares, nin á contorna social destas mulleres que quedan cunha profunda dor polo feito de que un home decide asasinar a unha muller, só polo feito de ser muller. No que vai de ano, esta cifra é superior á de todo o 2018.

Hoxe lembramos especialmente a Patria, Minerva e Mª Teresa, as irmás  Mirabal, asasinadas brutalmente polo réxime do presidente dominicano Rafael Leónidas Trujillo o 25 de novembro de 1960 polo seu activismo na loita a favor da democracia. Para honrar a súa memoria e en defensa dos Dereitos Humanos, a Asemblea Xeral da ONU en 1999 estableceu esta data para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia cara á Muller.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1993 na Resolución 48/104 define a violencia cara a muller como “acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada” e establece medidas que deben incorporar os estados para reverter a problemática da violencia cara ás mulleres, cuxa dimensión é global.

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia cara ás Mulleres, manifestamos que segue sendo actual e urxente a necesidade de que os Estados implementen medidas para detectar e erradicar toda situación de violencia cara ás mulleres e nenas en calquera das súas formas, incluídas aquelas que non se reflicten nas estatísticas pero que afectan o benestar físico e psicolóxico das mulleres como a violencia física, psicolóxica, sexual, obstétrica, estrutural, económica, e cultural.

Por iso, hoxe dende COGAMI e ACADAR, reivindicamos o noso papel como axentes de cambio, promovendo a visibilización e a denuncia de calquera tipo de violencia exercida cara ás mulleres con discapacidade, co obxectivo de erradicar toda forma de discriminación cara ás nenas e mulleres con discapacidade, especialmente aqueles actos exercidos contra a liberdade sexual en calquera etapa da súa vida, que a día de hoxe seguen invisibilizados e silenciados para o resto da sociedade.

Tomando como referencia a Axenda 2030, 193 países comprometéronse cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, acordando o seu cumprimento para o ano 2030, cuxa mensaxe central  é “Non deixar a ninguén atrás”, e nos que se comprometeron a traballar activamente para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento de todas as mulleres e nenas. A igualdade de xénero non é só un dereito fundamental, é a base necesaria para un mundo pacífico, próspero e sustentable. En coherencia coa Resolución 48/104 da Asemblea Xeral das Nacións Unidas (1993), dende COGAMI e ACADAR unímonos a este compromiso global e ESIXIMOS que as institucións e os poderes do Estado que nos representan, traballen activamente e de forma inmediata para:

Poñer fin a todas as formas de pobreza no mundo.
Alcanzar a igualdade de xénero e empoderar ás nenas e mulleres.

Previr, investigar e castigar todo acto de violencia cara a muller.
Establecer, sancións penais, civís, laborais e administrativas, para castigar e reparar os agravios inflixidos ás mulleres que sexan obxecto de violencia.


Facilitar os mecanismos de acceso á xustiza, así como aos mecanismos necesarios para a súa protección e  resarcimento xusto e eficaz polo dano ocasionado.

Elaborar plans de acción nacionais para promover a protección da muller contra toda forma de violencia e incluír disposicións con ese fin nos plans existentes.

Garantir unha vida saudable e a promoción do benestar de todas as persoas en todas as súas etapas vitais.

Garantir que as mulleres obxecto de violencia e as súas fillas e fillos, dispoñan de asistencia especializada, como servizos de rehabilitación, axuda para o coidado e manutención dos nenos e as nenas, tratamento, asesoramento, servizos, instalacións e programas sociais e de saúde, así como estruturas de apoio e, así mesmo, adoptar todas as demais medidas adecuadas para fomentar a súa seguridade e rehabilitación física e psicolóxica.

Promover o crecemento económico sostido, inclusivo e sustentable, o pleno emprego e o traballo decente para todas as persoas.

Promover que as cidades sexan inclusivas, seguras, accesibles, resilientes e sustentables.
Adoptar medidas para que as autoridades encargadas de facer cumprir a lei e o funcionariado apliquen as políticas de prevención, investigación e castigo da violencia cara a muller reciban formación necesaria que os capacite e sensibilice respecto ás situacións de violencia cara á muller para o efectivo cumprimento das súas obrigacións públicas.

Adoptar todas as medidas apropiadas, especialmente no sector da educación, para modificar as pautas sociais e culturais de comportamento do home e da muller e eliminar os prexuízos e as praxes consuetudinarias ou doutra índole baseadas na idea da inferioridade ou a superioridade dun dos sexos e na atribución de papeis  estereotipados ao home e á muller.

Promover a investigación, recoller datos e compilar estatísticas, especialmente no concernente á violencia no fogar, relacionadas coa frecuencia das distintas formas de violencia cara a muller, e fomentar as investigacións sobre as causas, a natureza, a gravidade e as consecuencias desta violencia, así como sobre a eficacia das medidas aplicadas para impedila e reparar os seus efectos.

Recoñecer o importante papel que desenvolven as entidades sociais que promoven o cambio social, apoiándoas e dotándoas de recursos para que poidan continuar co seu labor de denuncia, sensibilización e protección das mulleres que viven situacións de violencia ou especiais situacións de vulnerabilidade.

Non máis violencia machista. Nin unha menos!