Dixardín encargarase de manter as zonas verdes do concello de Laxe
  • Novas
  • 01 de junio de 2018

Dixardín encargarase de manter as zonas verdes do concello de Laxe


Este venres, 1 de xuño, entra en vigor a adxudicación ao centro especial de emprego Dixardín do mantemento de zonas verdes do concello de Laxe. Así o recolle o contrato que asinaron alcalde de Laxe, José Manuel Mouzo Castiñeira, e mailo conselleiro delegado de Galega de Economía Social, Ramón Sestayo.

Trala sinatura deste contrato, Dixardín, que se dedica ao deseño e paisaxismo, construción e conservación de parques e espazos verdes, ofrecendo un servizo integral de zonas verdes, encargarase do mantemento das áreas de recreo e esparexemento, paseos e sendeiros, igrexas e cemiterios, campo de fútbol e aparcadoiros, entre outras zonas verdes de carácter público.

Os traballos, que terán unha duración de dous anos, comprenderán a actividade de sega, poda de arborado, limpeza de xardinerías, sementes, abonos, eliminación de restos vexetais en pavimento, entre outros.

Dixardín é unha das 11 iniciativas de economía social que forman parte de Galega de Economía Social, coas que conta COGAMI, onde traballan 800 persoas das que o 92% teñen un certificado de discapacidade. Dixardín, que nace en 2010, conta con centros en Santiago, Arzúa, Laxe e Muros nos que traballan na actualidade máis de 40 persoas, das que 7 son as que se encargan da comarca de Bergantiños.