ENCE financia o proxecto multideportivo “Pedaleando e navegando por unha ría inclusiva” que desenvolve a Federación COGAMI Pontevedra
  • Novas
  • 21 de junio de 2019

ENCE financia o proxecto multideportivo “Pedaleando e navegando por unha ría inclusiva” que desenvolve a Federación COGAMI Pontevedra

Baixo o título “Pedaleando e navegando por unha ría inclusiva”, persoas con discapacidade poderán gozar este verán dun programa que contén actividades deportivas para practicar tanto na auga como tamén sobre terra firme.

Este programa, que desenvolve a Federación COGAMI Pontevedra (Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da provincia de Pontevedra), conta co financiamento da empresa ENCE, con cargo á convocatoria do plan social ENCE Pontevedra, que se pode seguir nas redes baixo o lema #enceplansocialpontevedra.

O programa, que integra como fío conductor o compromiso co medio ambiente e a inclusión social, consta de dúas partes, “Navegando por unha ría inclusiva”, centrada en actividades de vela adaptada, e “Pedaleando por unha ría inclusiva” que se levará a cabo no marco dunha andaina polo paseo do río Lérez. A primeira actividade, que se concreta na realización de bautismos de mar a bordo do veleiro Laion, terá lugar do 24 ao 28 de xuño na ría pontevedresa embarcando nos náuticos de Portonovo, Sanxenxo, Combarro e Beluso. En total participarán arredor de 80 persoas distribuídas en quendas de mañá e de tarde (de 11 a 14h. e de 16 a 19h.) e posibilitará que a navegación a vela sexa máis accesible a todas as persoas.

Outra das actividades a desenvolver, baixo o lema “Pedaleando por unha ría inclusiva”,  consistirá nunha andaina polo paseo do río Lérez en Pontevedra que terá lugar o vindeiro 28 de xuño a partir das 10:00 horas e na que participarán persoas con discapacidade de entidades membro da Federación COGAMI Pontevedra.

 

O VELEIRO LAION

O Laion, de 13 metros de eslora, e no que se desenvolve o programa, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, e a electrónica foi desprazada á bañeira da embarcación, o que facilita o goberno da mesma.

 

Máis información no teléfono 986 487 925 (preguntar por Estela González, xerente da Federación).