ENCE financia un proxecto deportivo e de coidado do medio ambiente que desenvolve a Federación COGAMI-Pontevedra

Baixo o título “O que nos move por mar e por terra”, persoas con discapacidade da provincia de Pontevedra van poder gozar este verán dun programa que contén actividades deportivas para practicar tanto na auga como tamén sobre terra firme.

Este programa, que vai desenvolver a Federación COGAMI-Pontevedra (Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da provincia de Pontevedra), conta coa financiación da empresa ENCE, con cargo á convocatoria do plan social ENCE Pontevedra, que se pode seguir nas redes baixo o lema #enceplansocialpontevedra.

O programa consta de dúas partes, sendo unha delas “O que nos move por mar”. Aquí vanse desenvolver actividades relacionadas co medio acuático, como son os bautismos de mar a bordo do veleiro Laion, os días 18, 19, 20, 21 e 22 de xullo na ría pontevedresa embarcando nos náuticos de Portonovo, Sanxenxo, Combarro e Beluso. En total participarán máis de 50 persoas distribuídas en quendas de mañá e de tarde (de 11 a 14h. e de 16 a 19h.). Esta actividade forma parte do programa Gavea (Galicia Vela Adaptada) e vai permitir que a navegación a vela sexa máis accesible a todas as persoas.

Outra das actividades acuáticas sería a realización de bautismos de mergullo en piscina, onde as persoas que participan poderán practicar e beneficiarse das diferentes técnicas de mergullo e iniciarse nesta disciplina deportiva. Será no último cuadrimestre do ano cando se desenvolva a actividade.

A segunda parte do programa está enmarcado en “O que nos move por terra” e está centrada na realización de rutas de sendeirismo a pé e tamén en bicicletas adaptadas, convencionais e cadeiras de rodas deportivas. Están propostas rutas polos concellos de Pontevedra, Poio e/ou Marín, que terán lugar tamén no último cuadrimestre do ano.

 

O VELEIRO LAION

O Laion, de 13 metros de eslora, e no que se desenvolve o programa, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, e a electrónica foi desprazada á bañeira da embarcación, o que facilita o goberno da mesma.