Entidades membro de COGAMI presentan a campaña DisOrganic para visibilizar a discapacidade orgánica
  • Novas
  • 27 de noviembre de 2019

Entidades membro de COGAMI presentan a campaña DisOrganic para visibilizar a discapacidade orgánica


Co fin de acabar coa invisibilidade da discapacidade orgánica, o movemento asociativo de COGAMI presentou o símbolo internacional da discapacidade orgánica, denominado DisOrganic, nos sete centros hospitalarios galegos de referencia: Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC), Arquitecto Macide, Hospital Clínico Universitario (CHUS), Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), Hospital Montecelo e Hospital Álvaro Cunqueiro.

Este símbolo, que se presentou simultaneamente en 41 cidades españolas, nace para acabar coa invisibilidade deste tipo de discapacidade. Dende COGAMI e o seu movemento asociativo, sobre todo as entidades que forman parte da súa Comisión Sociosanitaria, cren na importancia de participar nesta campaña para difundir problemáticas que viven persoas con discapacidade orgánica como son a falta de recoñecemento, invisibilidade e incomprensión como consecuencia das alteracións que se orixinan no interior do corpo humano e que pasan desapercibidas pola maioría da poboación.

Durante a mañá, representantes das federacións e entidades de COGAMI montaron un punto informativo nas entradas principais dos hospitais para informar e asesorar a todas as persoas que durante a mañá accedían ao centro hospitalario. Para ilo, aparte de persoas voluntarias, contaron con material de difusión explicativo sobre a discapacidade orgánica.

A discapacidade orgánica prodúcese por alteracións que se orixinan no interior do corpo humano. Algúns sistemas corporais presentan unha perda de funcionalidade relacionada cos órganos internos ou con procesos fisiolóxicos. Estes órganos poden ser os riles, fígado, o corazón, os pulmóns, pero tamén falamos da coagulación do sangue, o aparato dixestivo, o sistema linfático, o aparato locomotor, o sistema inmune ou o sistema nervioso central.

As persoas con discapacidade orgánica son moi diferentes entre si e atopan problemáticas moi diversas. Algunhas delas son limitacións na vida diaria, a necesidade de seguir tratamentos e atención sanitaria continuada, elevados graos de dolor, ser máis vulnerable a infeccións e poden derivar en discapacidade física.

Nesta campaña de presentación de DisOrganic, dende o movemento asociativo de COGAMI aproveitan para reclamar que os servizos de valoración da discapacidade en moitos casos non recoñecen oficialmente a discapacidade orgánica, por non dispoñer dun baremo de valoración equitativo, xusto e que cumpra cos criterios da Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF).

O Símbolo Internacional da Discapacidade Orgánica pode ser utilizado libremente por parte de calquera persoa física ou xurídica ao estar compartido baixo licenza CC-Zero de Dominio Público. A presentación é posible a través dunha subvención procedente do 0,7%. Ademais, esta campaña está sendo compartida nas redes sociais co hashtag #DisOrganic para darlle a maior visibilidade posible entre a poboación.

MANIFESTO.

Este día resulta ser moi especial para o movemento asociativo porque hoxe presentamos en sociedade DisOrganic, o símbolo internacional da discapacidade orgánica. A través desta iniciativa pretendemos visibilizar a discapacidade orgánica porque existe, e está, e é a realidade de milleiros de persoas en Galicia. Por isto, o movemento asociativo de COCEMFE, no que COGAMI forma parte en Galicia, estamos agora mesmo presentando en 41 cidades españolas este símbolo.

Para aquelas persoas que no saben que é, a discapacidade orgánica prodúcese por alteracións que se orixinan no interior do corpo humano. Algúns sistemas corporais presentan unha perda de funcionalidade relacionada cos órganos internos ou con procesos fisiolóxicos. Estes órganos poden ser os riles, fígado, o corazón, os pulmóns, pero tamén falamos da coagulación do sangue, o aparato dixestivo, o sistema linfático, o aparato locomotor, o sistema inmune ou o sistema nervioso central.

Son moi diferentes entre si, e as persoas que as teñen atopan problemáticas moi diversas. Algunhas delas son limitacións na vida diaria, a necesidade de seguir tratamentos e atención sanitaria continuada, elevados graos de dolor, ser máis vulnerable a infeccións e poden derivar en discapacidade física.

Como di unha testemuña desta campaña “como a dor e a fatiga non se ven, parece que non existen”. Sen embargo, a realidade é que si existen e con DisOrganic queremos simbolizalas, facelas presentes na sociedade e nas administracións. Queremos empoderar ás persoas con discapacidade orgánica, que a sociedade cando vexa o símbolo identifique a este tipo de discapacidade. Ademais, damos resposta a unha demanda do noso propio movemento asociativo. En resumo, DisOrganic nace cuns obxectivos claros:

-           Concienciación

-           Visibilización e

-           Empoderamento das persoas con discapacidade orgánica.

O proceso de creación desta imaxe que hoxe presentamos aquí arrancou co lanzamento dunha convocatoria de deseño gráfico dirixida a profesionais desta rama coa colaboración de Termas de Cuntis e a participación da Asociación de Deseñadores de Madrid (di_mad). O gañador desta convocatoria foi o deseñador gráfico, Rafa Garcés, a quen lle damos as grazas por participar e pola súa implicación, xa que dende o primeiro momento captou a esencia deste proxecto.

Este símbolo consegue transmitir a esencia dunha discapacidade orgánica, que son alteracións que se orixinan no interior do corpo humano. Mostra tamén o obxectivo final que queremos conseguir, que é a inclusión e participación, xa que  se atopa nunha actitude activa e positiva. É unha figura andróxina, que representa calquera xénero e conta cun manual propio para facilitar o seu uso en calquera soporte.

O símbolo pode ser utilizado libremente por parte de calquera persoa física ou xurídica xa que se vai compartir baixo o licenza CC-Zero de Dominio Público. Da mesma maneira cédense tamén os dereitos de manipulación, edición, exposición e reprodución.

A partir de agora, animámosvos a que utilicedes este símbolo e o difundades para que sexa coñecido e recoñecido!

Dende COGAMI e as entidades que hoxe estamos aquí convocadas, consideramos que os símbolos gráficos desenvolven un papel comunicativo fundamental á hora de reflectir realidades sociais e poden visibilizalas dunha maneira inmediata e concisa, facilitando e normalizando o comportamento e as interaccións humanas.

Por que é tan importante este símbolo? As persoas con enfermidade orgánica enfrontan unha realidade de invisibilidade, incomprensión e falta de recoñecemento.

Invisibilidade, porque a simple vista no se detectan, sendo as máis esquecidas tanto polas políticas públicas, como os medios de comunicación e descoñecidas pola poboación en xeral e incluso o propio grupo social das persoas con discapacidade.

Incomprensión, porque a invisibilidade e descoñecemento provocan unha falta de empatía tanto a nivel social e laboral como na propia contorna familiar. En moitos casos, esta situación provoca illamento e soidade das persoas afectadas.

Falta de recoñecemento, xa que os servizos de valoración da discapacidade en moitos casos non recoñecen oficialmente a discapacidade orgánica por non dispoñer dun baremo de valoración equitativo, xusto e que cumpra cos criterios da Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF). Por este motivo, e a pesar das severas limitacións ás que as persoas con discapacidade orgánica se enfrontan, non poden exercer todos os dereitos que lles corresponden.

O movemento asociativo da discapacidade leva reclamando anos a actualización deste baremo; o vixente non se axusta ao modelo de dereitos humanos imposto pola Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e que debe inspirar todas as políticas e normativas públicas. Esta actualización leva con continuos retrasos dende 1999.

Despois de 20 anos, ten que haber un cambio. A día de hoxe os criterios cos que se determina o grao de discapacidade quedaron anticuados. Urxe a revisión e actualización. As persoas con discapacidade orgánica temos que vernos recoñecidas, debemos poder exercer os dereitos que hoxe en día sonnos privados por non entrar dentro deste baremo. Debemos terminar coa volatilidade de que ese recoñecemento sexa aceptado ou non en función de que a persoa encargada crea ou non o que lle está contando a persoa. Non se trata dun acto de fe; trátase dun dereito.

Coa creación de DisOrganic, comezamos un camiño que ten por destino a plena inclusión das persoas con discapacidade orgánica. Polo tanto, a discapacidade orgánica debe recoñecerse, debe coñecerse e debe verse.

Gracias por vir, por acompañarnos e podedes participar no noso mural e compartir nas redes sociais co hashtag #DisOrganic para darlle a maior visibilidade posible.