Entrega de diplomas ao alumnado de formación prelaboral impartida por COGAMI
  • Novas
  • 08 de julio de 2019

Entrega de diplomas ao alumnado de formación prelaboral impartida por COGAMI

O alumnado participante nos cursos de Formación Prelaboral impartidos por COGAMI recibiu o diploma acreditativo da formación realizada, no marco dun evento desenvolvido no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela. No mesmo participaron a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa Montenegro, e representantes das entidades do ámbito da discapacidade que asistiron a este programa, entre elas o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila.

A orde mediante a que se subvencionaron estes proxectos formativos, financiados pola Consellería de Política Social e cofinanciados polo Fondo Social Europeo, enmárcase na Estratexia Galega sobre discapacidade 2014-2020, co obxectivo de avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa inclusión social.

Tres foron os proxectos que englobaron diferentes cursos nos que participaron un total de 212 persoas con discapacidade en toda Galicia, centrados na formación en habilidades para o emprego e formación en habilidades sociolaborais, co obxectivo de mellorar a emprgeabilidade e participación social das persoas beneficiarias.

Entre os cursos impartidos en toda Galicia destacan: xestión de almacén, persoal de limpeza, Ofimática, Informática básica, Operador/a de carretilla elevadora, competencias clave, acompañante de transporte adaptado, auxiliar de servizos, caixeira/o, alfabetización dixital, obradoiro de competencias clave, obradoiro de creación artística, e seguimento de itinerarios formativos individuais.