Entrega de diplomas ás 12 persoas con discapacidade formadas por COGAMI nun curso de expendedor de combustible en Pontevedra
  • Novas
  • 26 de julio de 2019

Entrega de diplomas ás 12 persoas con discapacidade formadas por COGAMI nun curso de expendedor de combustible en Pontevedra


Acto de entrega de diplomas para os doce alumnos que formaron parte do curso de Expendedor de combustible que durante un mes impartiu en Pontevedra COGAMI.

O obxectivo deste curso foi o de capacitar ao alumnado para prestar todos os servizos de gasolina, automoción e tenda, aplicando as normas básicas e específicas de seguridade para estacións de servizos,  respectando a normativa medioambiental e de seguridade vixente.

Esta formación está integrada dentro do programa de inserción laboral Máis Emprego que financian Fundación Bancaria “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, programa que se desenvolve nas comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo, co fin de dotar de competencias necesarias ás persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida de cara á inserción laboral.

O alumnado, procedente dos concellos de Moraña, Barro, Marín, Pontevedra, Poio e Ponte Caldelas, ademais das clases teóricas, recibiu tamén prácticas que puideron desenvolver en distintas gasolineiras das comarcas de Caldas e Pontevedra. Polo tanto, o programa Máis Emprego proporciónalle ao alumnado destrezas profesionais que lle permiten un rendemento competitivo no mercado laboral ademais de desenvolver habilidades persoais para a súa participación social.

Dende que iniciou este programa en 2017, lévanse impartido 16 cursos nos que se formaron un total de 177 persoas con discapacidade (74 mulleres e 103 homes).  De todas estas persoas formadas, 130 delas conseguiron inserirse laboralmente tras pasar por Máis Emprego, das que 63 son mulleres e 67 son homes, co que conta, ata o de agora, cunha porcentaxe de inserción do 75,36%.