Entroido solidario en Val do Dubra
  • Novas
  • 26 de febrero de 2020

Entroido solidario en Val do Dubra


O Entroido 2020 celebrado no concello de Val do Dubra tomou un cariz solidario. A comparsa Grease, que participou no desfile do pasado sábado 22 de febreiro, resultando gañadora do segundo premio coa interpretación do baile Outra volta, decidiu doar integramente o premio conseguido en metálico á Asociación de Persoas con Discapacidade de Val do Dubra (AVANTE), entidade que forma parte de COGAMI.

A doazón ascende a 250 euros do premio, unha aportación que será investida integramente na entidade, co fin de apoiar algún dos programas que alí desenvolven a favor da autonomía e inclusión das persoas con discapacidade da comarca de Santiago.

A entidade conta cun centro de recursos situado en Niveiro que oferta tanto prazas de centro de día como ocupacional, ao que acoden de luns a venres un total de 30 persoas usuarias para asistir a servizos dirixidos a fomentar as capacidades e habilidades de maneira persoalizada.

Asociación AVANTE

A Asociación de Persoas con Discapacidade AVANTE naceu en 1982 para coordinar e defender os dereitos e intereses das persoas con discapacidade e das súas familias, así como propulsar, na maioría do posible, a inserción social do colectivo presente nos concellos de Val do Dubra, Santa Comba, Tordoia, Trazo, A Baña, Ordes e Cerceda.

Entre os obxectivos da entidade destacan a promoción da plena integración social, promover actuacións para realizar programas, fomentar a unión das persoas con discapacidade e promocionar iniciativas de cara á inserción laboral.

AVANTE ofrece servizos de información e asesoramento, sensibilización para achegar a discapacidade á poboación xeral e tamén desenvolve distintos talleres formativos de educación para adultos, habilidades sociais, costura, coiro, encadernación, horticultura e viveirismo, informática, ademais de actividades de rehabilitación e de lecer.