Escolares de IES Fontexeria practican deportes adaptados na I Xornada de Deporte Inclusivo de ADISBISMUR
  • Novas
  • 11 de abril de 2019

Escolares de IES Fontexeria practican deportes adaptados na I Xornada de Deporte Inclusivo de ADISBISMUR


Durante a mañá deste 11 de abril, alumnado dos cursos de 2º e 3º da ESO do IES Fontexeria de Muros participaron na I Xornada de Deporte Inclusivo que organiza a Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR).

Un total de 7 persoas usuarias do centro de recursos Valadares da asociación ADISBISMUR, acompañadas de monitores, practicaron durante esta mañá actividades deportivas como un circuíto que tiñan que percorrer cos ollos tapados, basquet en cadeira de rodas adaptadas, circuíto de bicicletas adaptadas a persoas con mobilidade reducida, volei en cadeira de rodas e fútbol cos ollos tapados e cunha pelota sonora.

Participaron un total de 50 alumnas e alumnos do centro escolar distribuídos en dúas quendas de 25, e todas e todos confirmaron estar pasando unha xornada divertida e entretida, por ser a primeira vez que practicaban este tipo de actividades. 

O venres, 12 de abril, serán alumnas e alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Outes os que compartan actividades deportivas inclusivas con ADISBISMUR, en horario de 11 a 13 horas.

Con este tipo de actividades o que se pretende é, aparte de practicar outras actividades deportivas que poidan ser menos coñecidas, sensibilizar ao alumnado sobre a discapacidade e crear un entorno de convivencia en igualdade, onde o que importan son os valores da superación, compañeirismo, integración e socialización.