Estudantes en prácticas escollen COGAMI para completar a súa formación académica
  • Novas
  • 12 de agosto de 2019

Estudantes en prácticas escollen COGAMI para completar a súa formación académica


Durante o curso escolar, cada vez son máis as e os estudantes universitarios que deciden realizar as súas prácticas tanto nas oficinas de COGAMI como nos centros especiais de emprego e centros de recursos da Confederación. Isto ocorre porque dende xa hai anos, COGAMI ten asinados convenios de colaboración para a realización de prácticas académicas coas tres Universidades galegas: Santiago, A Coruña e Vigo.

Durante o ano 2018, foron un total de 75 estudantes os que pasaron polas nosas instalacións, dos que 33 tiñan o certificado de discapacidade, co fin de empaparse e aprender como se desenvolve o día a día nun centro de traballo. Destes 75 estudantes, 17 eran universitarios que estaban ultimando os seus estudos de grao ou de máster. O resto das prácticas foron realizadas por persoas que se formaron para conseguir o certificado de profesionalidade (24), que participaron en cursos impartidos por COGAMI (21), estudantes de FP de ciclo medio (9) e de ciclo superior (4).

En canto aos lugares de traballo escollidos para a realización destas prácticas, máis da metade, un total de 44 persoas, distribuíronse por diferentes áreas e centros de COGAMI en Santiago, Lugo, Mos, Medelo (en Silleda) e Monteporreiro (en Pontevedra), mentres que 31 estudantes participaron en iniciativas empresariais de COGAMI Empresarial: Artegalia (1), Combina Social SL (2), Coregal (12), Dixardín (1), Galega de Economía Social (4), Hornos Lamastelle (4), Integratex (1) e Trameve (6).

As instalacións de Santiago foron as que contaron con máis afluencia de alumnado durante o ano, un total de 19 persoas, que fixeron as súas prácticas nas áreas de Traballo Social, SIL, Recursos Humanos e Formación. O centro de recursos de Mos con 11 estudantes, seguido de Fingoi en Lugo con 8, Medelo con 4 e Monteporreiro con 2, foron o resto dos centros que acolleron á alumnado en prácticas.

Unha destas alumnas en prácticas foi Raquel Rodríguez Ferré, tras rematar as clases teóricas dun curso AFD que realizou sobre Docencia para o emprego, decidiu facer as prácticas en COGAMI porque, segundo apunta “Coñezo a COGAMI porque en 2015 fixen un curso aquí e ademais teño experiencia en traballar con persoas con discapacidade sensorial e intelectual en Venezuela”.

A experiencia de Raquel tralo remate das súas prácticas resultou ser “interesante e gratificante”, segundo dixo porque contou coa oportunidade de traballar case tódolos temas vistos no seu curso.