• Novas
  • 03 de agosto de 2017

Éxito de insercións laborais nun curso de operario de limpeza


Un curso de Persoal de Limpeza en Inmobles que COGAMI impartiu en Santiago durante os meses de marzo, abril e maio, rematou cun alto índice de insercións laborais. Dez das trece persoas que o remataron, o 77% de participantes, lograron encontrar un traballo tanto en empresas da comarca compostelá como en centros especiais de emprego.

Aparte do alto índice de inserción logrado no curso, dende a área de Formación de COGAMI tamén se resalta que esta inserción foi maioritariamente en empresas ordinarias da zona, onde se inseriron 8 persoas; o resto, 2 persoas, traballan en centros especiais de emprego. En palabras de Paco Abuín, coordinador de Formación “o obxectivo de COGAMI é que as insercións se realicen na empresa ordinaria e non a través do emprego protexido, queremos que o empresariado galego se fixe nas capacidades das persoas”.

O curso iniciou a mediados de abril con 15 alumnos (2 destes causaron baixa por problemas de saúde) sendo 12 homes e 3 mulleres con idades comprendidas entre os 26 e os 58 anos procedentes dos concellos de Santiago, Ames, Noia, Oroso, Brión, Boqueixón e Vedra.

Financiado pola Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo de Inclusión Social e da Economía Social (POISES), este curso impartiuse co fin de xerar oportunidades laborais a persoas con discapacidade e/ou incapacidade laboral recoñecida para a profesión habitual, estando todas elas inscritas como demandantes de emprego na base de datos que manexa COGAMI, que na actualidade conta con máis de 27.000 persoas, das que 2.325 son da comarca compostelá.

O curso de Persoal de Limpeza en Inmobles impartiuse despois de que o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral que ten COGAMI (SIL) detectara unha demanda real de persoas para o sector da limpeza, uns perfís que requiren especialización no uso da maquinaria. Para poder dar resposta a estas necesidades do mercado, xurdiu a impartición deste curso, sendo homes a maior parte do alumnado (12), un cambio significativo nunha profesión moi vinculada ás mulleres.

A formación levada a cabo, que contou con 220 horas de duración, estivo enfocada en proporcionar ferramentas útiles e potenciar as capacidades e habilidades das persoas participantes coa finalidade de facer posible a inserción no mercado laboral. Para isto, tiveron que realizar tarefas de limpeza e mantemento de superficies e mobiliario en edificios e locais, seleccionando as técnicas, útiles, produtos e máquinas para garantir a hixienización, conservación e mantemento destes espazos, sempre coa supervisión dun profesional competente.  

A área de formación de COGAMI impartiu durante o ano 2016 26 cursos en toda a comunidade, nos que se formaron 364 persoas. Durante o primeiro semestre de 2017, desenvolvéronse 7 cursos nos que participaron 79 alumnas e alumnos. Para o mes de setembro vanse desenvolver 8, impartíndose 3 en Santiago.