Éxito de participación na 1ª Copa ENCE de Slalom Inclusivo organizado pola Federación COGAMI Pontevedra
  • Novas
  • 20 de agosto de 2018

Éxito de participación na 1ª Copa ENCE de Slalom Inclusivo organizado pola Federación COGAMI Pontevedra

A Federación provincial COGAMI Pontevedra organizou a 1ª Copa ENCE de slalom inclusivo, unha proba deportiva náutica que desenvolveu no río Lérez a favor da inclusión das persoas con discapacidade nas actividades de deporte e lecer náutico.

Financiada por ENCE, esta competición consistiu nunha proba de regularidade na que as persoas participantes  amosaron a destreza ante o manexo do temón tras ter que superar obstáculos como rodear boias, recuperar flotadores e esquivar sinais. Puntuaba máis a destreza que a velocidade.

Neste primeiro slalom participaron 44 persoas, das que vinte tiñan discapacidade, que competiron en parella gobernando a embarcación. A proba realizouse empregando embarcacións a motor adaptadas que cedeu o club deportivo Sen Amarras, as cales contan cunha rampla para acceder a elas directamente coa cadeira de rodas. Este sistema fai posible que as persoas participantes ancoren a cadeira á embarcación e piloten con seguridade.