Éxito de participación no proxecto multideportivo “Pedaleando e navegando por unha ría inclusiva” que desenvolve a Federación COGAMI Pontevedra co apoio de ENCE
  • Novas
  • 28 de junio de 2019

Éxito de participación no proxecto multideportivo “Pedaleando e navegando por unha ría inclusiva” que desenvolve a Federación COGAMI Pontevedra co apoio de ENCE

Baixo o título “Pedaleando e navegando por unha ría inclusiva”, máis de 100 persoas con discapacidade participaron este verán nun programa que contén actividades deportivas para practicar tanto na auga como tamén sobre terra firme.

Este programa, que desenvolve a Federación COGAMI Pontevedra (Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da provincia de Pontevedra), conta co financiamento da empresa ENCE, con cargo á convocatoria do plan social ENCE Pontevedra, que se pode seguir nas redes baixo o lema #enceplansocialpontevedra.

O programa, que integra como fío condutor o compromiso co medio ambiente e a inclusión social, consta de dúas partes, “Navegando por unha ría inclusiva”, centrada en actividades de vela adaptada, e “Pedaleando por unha ría inclusiva” que se levou a cabo no marco dunha andaina polo paseo do río Lérez. A primeira actividade, que se concreta na realización de bautismos de mar a bordo do veleiro Laion, tivo lugar do 24 ao 28 de xuño na ría pontevedresa embarcando nos náuticos de Portonovo, Sanxenxo, Combarro e Beluso. En total participaron 77 persoas distribuídas en quendas de mañá e de tarde (de 11 a 14h. e de 16 a 19h.) e posibilitou que a navegación a vela sexa máis accesible a todas as persoas.

Outra das actividades realizadas, baixo o lema “Pedaleando por unha ría inclusiva”,  consistiu nunha andaina pola senda do río Lérez e a Illa das Esculturas en Pontevedra que tivo lugar este 28 de xuño de 11:00 a 13:00 horas e na que participaron 36 persoas con discapacidade de entidades membro da Federación COGAMI Pontevedra.

 

O VELEIRO LAION

O Laion, de 13 metros de eslora, e no que se desenvolveu o programa, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar a persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador, e a electrónica foi desprazada á bañeira da embarcación, o que facilita o goberno da mesma.

 

Máis información no teléfono 986 487 925 (preguntar por Estela González, xerente da Federación).