Éxito na III edición de Barbeiros Solidarios a favor da Asociación Vontade
  • Novas
  • 08 de octubre de 2019

Éxito na III edición de Barbeiros Solidarios a favor da Asociación Vontade

Un total de 26 perruqueiros e perruqueiras chegados dende Valladolid, A Coruña, Ourense, Pontevedra e concellos dos arredores de Tomiño, colaboraron na  III edición de Barbeiros Solidarios a favor da Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade. Durante este pasado domingo, 6 de outubro, dende as 11 horas e ata as 18 horas, na Praza do Seixo, realizaron máis de 300 traballos entre cortes de pelo, peiteados, afeitados, barbeados, depilacións, entre outros.

Como novidade desta edición, as persoas usuarias do centro de recursos de Vontade aportaron o seu gran de area ao colaborar nas tarefas do evento e tamén atendendo un pequeno posto de artesanía realizada por elas e eles mesmos nos obradoiros nos que participan no centro.

Tamén este ano houbo inchables e xogos tradicionais para os máis cativos, e música en directo coa Argonat Band e Laura Ocampo que,  de maneira desinteresada, colaboraron con Vontade amenizando as primeiras horas do evento. Outro dos pasatempos para as persoas que se achegaban á Praza do Seixo foi un photocall realizado polas persoas usuarias do centro, onde as persoas asistentes puideron sacarse fotos do antes e despois de pasar polas mans dos profesionais da perruquería.

A edición deste ano foi todo un éxito, segundo a organización. Recadáronse 2.508€ procedentes dos cortes de pelo e tamén de donativos, polo que se chegou a superar en 600€ a contía recadada na edición anterior.

Dende Vontade queren agradecer a colaboración desinteresada de todas as empresas e comercios  que axudaron coas súas aportacións como comida e bebida (Hotel Nova Colina, Disgobe, Tomipan Flor y nata, Woody Pool, Tapería Os Casqueiros), son, inchables e xogos (Festa A Esgalla), temas de impresión (RM Dixital), préstamos de carpas, produtos para as e os profesionais de barbería e perruquería (Mediavita), plantas para a decoración do evento (Casaita), ademais do concello de Tomiño por toda a súa colaboración prestada para que este evento se puidera realizar.