Federación Alcer Galicia habilita un espazo de atención psicolóxica para as persoas que teñen enfermidade renal
  • Novas
  • 13 de abril de 2020

Federación Alcer Galicia habilita un espazo de atención psicolóxica para as persoas que teñen enfermidade renal

Durante esta pandemia do COVID 19 que sufrimos todas e todos, hai colectivos que corren maior perigo polas patoloxías que teñen. Un destes colectivos é o das persoas transplantadas de ril, que dende que chegou o COVID 19 ao noso país, está vivindo un confinamento extremo pola súa condición de estaren inmunodeprimidas e, polo tanto, con maior risco.

Dende a Federación Alcer Galicia poñen a disposición das persoas con enfermidade renal crónica dous servizos co fin de mellorarlles a situación. Un destes servizos é de asesoramento psicolóxico telefónico, destinado a aquelas persoas que teñen dificultades ante o confinamento.

O outro dos servizos que a Federación Alcer Galicia ten operativo é o de soporte grupal on line, un grupo de persoas que vive a mesma situación e que pode ser fundamental compartir experiencias para poder optimizar ferramentas de mellora na xestión das patoloxías crónicas.

Hai persoas que realizan a terapia de diálise no propio domicilio, pero outras moitas vense na obriga de acudir cada dous días ás unidades de hemodiálise de toda Galicia que están nos centros hospitalarios, cos consecuentes riscos que poden ter de contaxio e tamén coa situación de estrés e nervios ante o medo de poder contaxiarse.

A Federación Alcer Galicia aglutina ás Asociacións de Loita Contra as enfermidades do Ril das catro provincias galegas: Lugo, A Coruña Ourense e Pontevedra.