FRANCISCO GÓMEZ Y CIA, S.L. exemplo de empresa comprometida coa contratación de persoas con discapacidade
  • Novas
  • 09 de mayo de 2019

FRANCISCO GÓMEZ Y CIA, S.L. exemplo de empresa comprometida coa contratación de persoas con discapacidade

FRANCISCO GÓMEZ Y CIA, S.L. empezou a colaborar co Servizo de Orientación e Integración Laboral que COGAMI ten en Santiago (Rúa Modesto Brocos, nº7, 3º bloque, baixos) no ano 2016, despois de que unha orientadora laboral visitara esta empresa, dedicada á construción de estradas e outros proxectos de enxeñería civil, para sensibilizar sobre a contratación de persoal con discapacidade.

Pouco tempo pasou dende esta visita ata a primeira contratación realizada pola empresa. “Esta entidade sempre apostou pola integración laboral de persoas con discapacidade”, apunta o responsable da empresa, Juan Iglesias. Dende a experiencia, para Juan Iglesias “non se aprecia diferenzas entre persoal con discapacidade ou sen ela”, incluso chega a especificar que “a actividade da empresa é a construción e temos traballadores en obra con discapacidade cos mesmos rendementos que o resto de persoal”.

Precisamente, un dos traballadores cos que conta FRANCISCO GÓMEZ Y CIA é Pablo César Otero quen, dende finais de 2017, traballa como administrativo na empresa. Pablo afirma estar “encantado” e recorda que o seu paso é similar á experiencia que contan os avós cando afirman que iniciaron dende abaixo.

Pablo empezou a traballar no arquivo durante media xornada e, co paso do tempo, a empresa apostou pola súa competencia e trasladárono ao posto de administrativo durante unha xornada laboral completa e con moita máis responsabilidade. Se ben ao principio confirma que “non tiña nin idea”, pouco a pouco, di Pablo que “funme poñendo as pilas” logrando ser un traballador resolutivo no seu posto actual.