Fundación ONCE e ACCU Ourense impulsan a atención integral en Crohn e colite ulcerosa
  • Novas
  • 16 de octubre de 2020

Fundación ONCE e ACCU Ourense impulsan a atención integral en Crohn e colite ulcerosa

A Fundación ONCE vén de apoiar o servizo de atención integral da Asociación de Persoas Enfermas de Crohn e Colite Ulcerosa (ACCU Ourense) e que se foi reforzado este ano pola urxencia de proxectos sociais para paliar os efectos negativos da crise do COVID-19. En palabras do presidente de ACCU Ourense, Fernando Jiménez, “as necesidades e inquedanzas do noso colectivo veñen agravadas pola situación tan excepcional que estamos a vivir ao que hai que engadir que somos persoas de alto risco debido a que hai pacientes con tratamentos inmunosupresores e con tratamentos biolóxicos ou  biosimilares”.

Este servizo, executado a través da subvención do Plan de Prioridades 2020 de Fundación ONCE e a través de COCEMFE, permitiu que ACCU Ourense realizara máis de 100 intervencións nestes 9 meses e ademais “somos conscientes que o escenario crítico no que estamos alongarase e os servizos que ofrecemos faranse aínda máis indispensables nos próximos meses” comenta Fernando Jiménez.

Entre as intervencións que se están desenvolvendo destacan as actuacións sobre saúde, atención social, impacto emocional e emprego que se realizan por vía telefónica e telemática tanto coas persoas usuarias como coas súas familias. Ademais, proseguen dando continuidade a todos os proxectos que veñen desenvolvendo como a tarxeta aparcamento para  Crohn e  colite  ulcerosa, implementación de baños adaptados para persoas  ostomizadas, os protocolos de atención educativa, proxecto irmán/á maior e acceso ACCU pola accesibilidade libre e inmediata a aseos en caso de urxencia.

Dous destes proxectos resultaron finalistas dos premios autonómicos de innovación en saúde da Consellería de Sanidade e os premios provinciais de humanización da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.