Fundación ONCE financiará 20 proxectos de COGAMI e entidades membro a través da convocatoria do Plan de Prioridades
  • Novas
  • 01 de agosto de 2019

Fundación ONCE financiará 20 proxectos de COGAMI e entidades membro a través da convocatoria do Plan de Prioridades

COGAMI e as entidades membro presentaron durante este ano un total de 20 proxectos á convocatoria de subvencións de COCEMFE, entidade que ten un acordo coa Fundación ONCE para executar o Plan de Prioridades e acometer actuacións necesarias para a inclusión das persoas con discapacidade.

Programas de atención á autonomía persoal, de supresión de barreiras psicosociais, de inversións en centros de servizos e en vehículos de transporte colectivo foron presentados nesta convocatoria ascendendo a un valor total de 392.755 euros.

Con respecto aos programas de atención para a autonomía persoal, este financiamento vai ser repartido en actividades que englobarán intervencións en distintos centros de recursos e entidades, sendo programas de: atención integral nos centros de recursos de Medelo e Fingoi; desenvolvemento integral en A Mariña, proxecto de baños adaptados para persoas ostomizadas que realizará ACCU, servizos de fisioterapia especializados a persoas con discapacidade, linfefdema e artrite; servizo de atención integral a persoas con Fibrose Quística; atención para á autonomía persoal a persoas con enfermidades neurodexenerativas; programas de asesoramento e apoio social a persoas con Esclerose Múltiple; servizo de atención e apoio na provincia de Pontevedra; servizos especializados para a autonomía en Ourense; de atención temperá e discapacidade infantil ademais da  vivenda tutelada da asociación Avante.

Dentro dos programas de supresión de barreiras psicosociais, levaranse a cabo actividades para sensibilizar, concienciar e formar na linguaxe inclusiva e non discriminatoria por parte da asociación Acadar e tamén o programa de atención psicosocial para persoas con enfermidade renal que desenvolverá Alcer Pontevedra.

A mellora de instalacións de rehabilitacións de COGAMI en Lugo e o acondicionamento e mellora da condicións térmicas e de salubridade do andar alto do centro da asociación Aspamite son os proxectos que están enmarcados dentro do proxecto de inversións en centros e servizos. Por último, o servizo de transporte adaptado en Fingoi e a adquisición de vehículos para a asociación Agora foron os proxectos aprobados polo Plan de Prioridades para desenvolver durante este ano e o que vén.